Catro cousas é un pasodobre desubicado. 

Nel, Caamaño&Ameixeiras e Rodrigo Cuevas recollen a linguaxe militar e taurina que caracteriza a este xénero para despois apropiarse del, reinterpretándoo e revestíndoo dunha mordaz pero elegante ironía. Do mesmo xeito, tamén é unha canción de amor, pero ao revés do común. De amor cara adentro, cara unha mesma. De empoderamento feminino e de autocoidado. De querernos a nós primeiro. De saber dicir “catro cousas” cando fai falta.

Catro cousas foi gravado en directo, abrazando o natural e o espontáneo da música ao vivo. Aprendido ao enorme Florencio, o cego dos Vilares, que á súa vez o aprendera de La Pastorina grazas á radio, Caamaño&Ameixeiras revisitan este pasodoble e atopan como complemento perfecto a voz de Rodrigo Cuevas, referencia indiscutible no panorama actual da música de raíz.

O tema chega acompañado por un precioso videoclip, dirixido por Jorge Rojas e gravado no Parque do Pasatempo de Betanzos, considerado BIC (Ben de interese Cultural), actualmente en proceso de restauración e considerado “un dos xardíns máis extraordinarios e desconcertantes de Europa”.

Sobre a experiencia de traballar con Rodrigo, o dúo galego comenta: “A experiencia foi incrible. Xa sabiamos que Rodrigo era un artista tremendamente talentoso, pero tamén puidemos descubrir que a súa calidade humana non o é menos. É unha persoa moi xenerosa e foi moi fácil traballar con el, moi fluído e moi inspirador para nós”.

Sobre o proceso de composición e gravación, engaden: “dende o primeiro momento houbo moita conexión entre os tres, e a súa forte personalidade artística permitiu levar o tema a outra dimensión. O proceso de gravación foi moi fermoso. Gravamos en vivo, abrazando a naturalidade e espontaneidade que conleva”.

A localización no Parque do Pasatempo tamén xoga un papel fundamental á hora de outorgar sentido e forza ao sinxelo. “O Pasatempo é un lugar máxico, e tiñamos claro que era o escenario perfecto para o que queriamos contar e transmitir no videoclip. Ademais, persoalmente para Sabela foi especial volver a visitar este espazo que tanto visitara na súa infancia, agora dende unha perspectiva diferente e cunha mirada diferente. Tamén foi moi poderoso volver ocupar temporalmente un lugar como este, cunha decadencia que nos resulta completamente magnética”.

Os tres artistas interpretarán o tema por primeira vez no concerto de Rodrigo Cuevas os próximos 19 e 20 de decembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, con todas as entradas vendidas.