Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

OS ZAPATOS DE MARTIÑA

Shoes transform your body language and attitude. They lift you
physically and emotionally
.

Christian Louboutin

Give a girl the right shoes, and she can conquer the world.

Marilyn Monroe

Os motivos polos que un se namora son tan variados como misteriosos. Non hai unha explicación lóxica para ese estado emocional. Cando vin por primeira vez a Martiña, o que me deixou sen alento non foi o seu físico nin a súa beleza, senón os seus zapatos, que acabarían converténdose no meu obxecto de desexo. Eran uns zapatos vermellos, brillantes, que reflectían a luz coma se tivesen vida propia. Iso foi a sensación que me deu, cando sentado na Cafetería Metropol, tomando un café, a vin entrar e arrimarse á barra, xusto fronte a min.

Durante un bo anaco, non puiden apartar a mirada daqueles elegantes zapatos que irradiaban unha enerxía especial, cativándome ao instante. A miña ollada foi ascendendo lentamente: unhas fermosas e longas pernas morenas deixábanse ver, culminando nun pantalón curto negro e unha blusa branca axustada, que deixaba entrever uns belos peitos. O seu rostro, con beizos delicados e ollos grandes e escuros, estaba enmarcado por unha cabeleira curta, estilo “garçon”, que poñía a guinda a aquel belido corpo.

De súpeto, dinme conta que ela estaba observándome fixamente. Baixei a mirada novamente aos zapatos e, por un intre, desexei fuxir de alí. Rematei de tomar o café, que quedara interrompido coa súa chegada e nada máis acabar escoitei unha suave voz que tras saudarme, murmurou:

—Parece que che gustan os meus zapatos. Se queres regálochos. Pero claro, tesme ti que agasallar cos teus, que por certo son ben fermosos.

“Fermosos, se son uns zapatos normais que merquei hai tres semanas na feira dos mércores e nin tan sequera esta mañá lles din lustre”, pensei. Mentres reflexionaba isto, observei con abraio como se sacaba os zapatos e mos ofrecía. Non me quedou máis remedio que facer o mesmo e intercambialos. Sorprendentemente, calzabamos o mesmo número. Quedei mirando para os meus zapatos, agora nos pés dela, e volvín sentir a mesma sensación que tivera cando chegou cos seus. A atracción non viña dos zapatos en si, senón do xeito, estilo, ou como se queira chamar, de usalos.

Sentouse ao meu carón e pediu unha cervexa. Comezamos a falar e souben que algo especial estaba abrollando naquel encontro. Pero no momento máis álxido da conversa, apareceu el e, dirixíndose cun “Ola, Martiña”, deulle un prolongado bico nos beizos. Pensei que o galanteo tocara ao seu fin. Que equivocado estaba. Tras darlle o beixo e, cando estaba agachándose para se sentar, decatouse do intercambio de calzado. Recuou no seu propósito e sen máis deu media volta e saíu do bar, medio murmurando: “Eu aquí non pinto nada”.

Logo viría todo un verán e parte do outono dun intenso e fogoso amor. Por suposto, ela cos meus zapatos; eu cos vermellos. Cambiabamos de roupa, pero xamais de zapatos, malia as burlas ás que eramos sometidos, principalmente eu cando me vían con aquel calzado de medio tacón vermello brillante. Pero, como todo ten o seu fin, unha tarde ao chegar á casa, onde levabamos máis de tres meses vivindo, ela estaba agardándome coa maleta feita. Dinme conta de que o noso rematara, algo que xa intuía pola súa actitude durante as dúas últimas semanas. Apenas houbo palabras. Limitouse a ofrecerme os zapatos. Eu fixen o mesmo e, tras o intercambio, saíu pola porta. Mentres se marchaba, volvín quedar engaiolado cos seus zapatos, pero agora dinme conta de que non só eran eles a causa da atracción, senón tamén aquel corpo delicado e fermoso que, no seu movemento, irradiaba un halo de paixón e misterio.