LEMBRANZAS DE VERÁN NA CASA GRANDE
Aínda ben non saía o sol, poñiámonos de camiño
por solitarias corredoiras, ora collido da túa man,
ora brincando. Agradábame a soidade, un abraiante silencio
só roto polo chirlo dalgún merlo, dalgún xílgaro.
O aire fresco da mañanciña traía aroma a terra húmida
e a herba acabada de cortar.
A media mañá estabamos diante daquel portalón -para min
era como estar ás portas dun palacio- desexando entrar
e correr cara ao hórreo de estilo asturiano- mazarocas
penduradas nos corredores- desexoso de ver que novos tesouros
agochaba entre as súas táboas; agora era o millo seco
e as madeiras vellas quen enchían o ar co seu evocador arrecendo.
Despois percorría os inmensos cuartos, rebulindo
por entre vetustos e retorneados mobles…
O comedor coas paredes cubertas de fotos de descoñecidos
-ás veces case me espantaban-…
O retrete, co seu burato que comunicaba coa corte
das vacas – canta graza me causaba!- …
E a miña diversión favorita, cazar moscas na enorme- ou iso
me parecía a min- cociña, utilizando unha depurada técnica
que consistía en arrastrar a man sobre o mármore
e cando levantaban o voo, zas! atrapalas.
Novos olores: o cheiro tentador da comida cociñándose,
o pan fresco acabado de saír do forno…,e o sabor a froitas
de tempada, doces e suculentas, facíanme sentir feliz.
Así ficabamos uns días naquela, para min engaiolante mansión,
-eu que estaba acostumado a vivir nun piso- o tempo necesario
para axudarlles nas tarefas do campo.
Logo, regresabamos polas mesmas congostras, e de novo a rutina,
e aquel son da serra da carpintería dos meus tíos que
xa case tiña esquecido.