DE VIAXES E LEMBRANZAS
Non cabe dúbida de que cada persoa é un mundo. Hai quen non fai máis que viaxar de aquí para acolá, percorrendo lugares e cidades dos cinco continentes, mentres outros apenas saen do seu lugar de nacemento. Este último é o caso dun parente meu, que só fixo tres viaxes: a primeira de lúa de mel a Lugo, a segunda a A Coruña, obrigado a cumprir o servizo militar, e a terceira para visitarme en A Veiga.
Outros amósanse fachendosos, alardeando de coñecer moito mundo, como Eduardín de Matos, “que en padestea”. As dúas viaxes máis longas que fixo foron a Mansilla de las Mulas no camión de Rosendo a por palla para o gando e a Pontevedra para pasar dous anos servindo á patria. Viaxes que se encargaba de narrar unha e outra vez.
E facía ben en presumir delas, porque eu, que aínda me movo algo polo mundo, non coñezo Mansilla de las Mulas, o cal —xa o contei algunhavez— é algo que me fai perder o sono. Casualmente, haberá un mes estiven moi preto, en Villabúrbula, a aldea dun amigo filósofo (dos filósofos e dos mosquitos de verán, cóidate, nalgún momento hanche amargar o día). Falamos de ir comer a Mansilla, pero ao final a maioría dos presentes optou por ir a León. Meu gozo nun pozo!
Por certo, este amigo meu, á parte de facerse preguntas unha e outra vez, é un crack. Cando foi da pandemia, perdeu, por desgraza, ao seu pai. Como cura contra o acontecido e como non podía saír, decidiu reconstruír a casa vella paterna, sen coller nunca na súa vida un pico e unha pala. E púxose mans á obra. Ao principio aproveitando o encerro e despois, fins de semana e vacacións. Agora xa a ten case rematada, tanto por dentro como por fóra. E todo el soíño, menos o tellado, que encargou a un experto.
Cando entras na súa casa, o primeiro que che chama a atención é o cheiro a madeira acabada de cortar, mesturado co aroma de flores. Cada recuncho da casa conta unha historia, pois moitos dos mobles están feitos a base de material reciclado, que outrora cumprira outra función e cada sensación é un recordo vivo do esforzo e a dedicación do meu amigo. Ao percorrer os seus cuartos e corredores, é como se estiveses viaxando ao pasado; sensación reforzada por as diferentes fotografías que vas
atopando penduradas das paredes. Cada obxecto, cada moble, cada imaxe… contan unha historia, unha parte da vida que se desvaneceu co tempo.
Eduardín de Matos, o home que percorreu medio mundo, desde Pontevedra a Mansilla, atoparíase feliz na compaña do amigo filósofo, xa que era moi aquelado. Non só coidaba do seu gando, senón que tamén boa parte da súa casa foi arranxada coas súas habilidosas mans.
O meu parente, Eduardín, o amigo filósofo, tres xeitos diferentes de viaxar. E logo estou eu, que nunca fun a Mansilla de las Mulas. Ben, minto, pasei unha vez, por unha confusión (para os que me coñecen, algo moi habitual en min). Pero foi como se non fose, porque non parei. Tiña que estar ao mediodía en Saldaña, que me agardaba unha comida familiar,amenizada coa música duns gaiteiros, que malia ser palentinos, tocaban de vicio a gaita galega.