Unha foto é un retrato sonoro cheo de paixón e controversia, que poderá escoitarse desde esta mesma noite, ás 00.00h, nas principais plataformas dixitais –https://ffm.to/unhafoto– e do que xa é posible facer a pre-garda en https://ffm.to/q8zmj0d
Neste novo lanzamento, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento mestura ritmos urbanos e electrónicos para transmitir a tensión entre a distancia física e o desexo emocional
Este venres, 31 de xaneiro, ás 00.00h, Amoebo publica o seu novo sinxelo, Unha foto. O tema, un retrato sonoro cheo de paixón e controversia, é o derradeiro avance do seu novo LP Escándalo no escuro, un dobre álbum que verá a luz o vindeiro 7 de marzo e do que xa se coñece o tema Lobishomes.
Neste novo lanzamento, unha das bandas máis desinhibidas da escena musical galega do momento mestura ritmos urbanos e electrónicos para transmitir a tensión entre a distancia física e o desexo emocional. Unha foto –single do que xa é posible facer a pre-garda en https://ffm.to/q8zmj0d– poderá escoitarse desde esta mesma noite, ás 00.00h, nas principais plataformas dixitais: https://ffm.to/unhafoto.
A nova canción de Amoebo representa a necesidade física e afectiva do amor máis pasional. Unha foto presenta una gran carga explícita, na que non falta a ironía tan característica do seu frontman Aaron Valle. “Unha foto máis e arranco, unha foto máis e aí que vou”, “ata que veñas eu non paro, que ben me educaron”. Na letra, unha situación tan común como é a de recibir unha foto desencadea as necesidades máis básicas do corpo e amosa como a distancia física non é un impedimento para o amor desenfreado.
Neste novo traballo producido por David Fernández (Daiv), Amoebo mestura o pop máis enérxico cunha estética sonora escura e cargada de adrenalina. Cunha gran influencia de artistas como Britney Spears ou Bad Gyal, o esqueleto pop-urban da canción está decorado con sintetizadores agresivos e baixos 808, que representan a velocidade, a urxencia e a necesidade. Unha foto é un tema frenético, bailable e coreable, que ten o foco posto na proposta rítmica e nun post-coro instrumental efusivo e pegadizo.
ESCÁNDALO NO ESCURO, UN DOBRE ÁLBUM QUE DARÁ QUE FALAR NESTE 2025
Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz o venres 7 de marzo e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, Escándalo no escuro, é un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Pero este título non só lle dá voz ás letras do disco, senón que a escuridade verase reflectida nuns sons máis agresivos, mantendo, tamén, a mestura de estilos que sempre caracterizou ao proxecto.
O novo LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando como referentes a divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ou Bad Gyal. A cara B estará tinguida de sons máis rockeiros, nos que se percibe o pasado metaleiro dos artistas: as guitarras e os baixos érguense como protagonistas absolutos, cun fondo urbano e actual, para conformar unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez. Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para preparar o lanzamento do seu ambicioso e agardado novo álbum, Escándalo no escuro, neste 2025.
LIGAZÓN DE PRE-GARDA NO NOVO SINGLE ‘UNHA FOTO’
LIGAZÓN DE ESCOITA DE ‘UNHA FOTO’ DESDE ESTE VENRES 31 ÁS 00.00H
20250130-NP-Amoebo_Unha-foto