O ciclo de narración oral pioneiro en Galicia celebra as súas vodas de prata este 2024, con 25 anos de traxectoria ás súas costas, e chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna
O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde deste venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres
Hoxe, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, tivo lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, deu o pistoletazo de saída da súa 33ª edición a tarde deste xoves, 26 de setembro, coa inauguración da súa xa clásica Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata tras 25 anos de traxectoria ás súas costas. Así, o ciclo de narración oral pioneiro en Galicia chega esta fin de semana ao Mercado Municipal e aos bares de Carballo da man das hilarantes propostas de Evaristo Calvo, Miki Dkai, Walter Velázquez, Federico Pérez, Jazmín Abuín e Leti da Taberna.
O Teatro de Rúa fará tamén a súa aparición no #FIOT33 na tarde deste venres, 27 de setembro, na Praza do Concello de Carballo, coas pezas para todos os públicos Cabicivai, de Pablísimo, a golpe de contos cheos de imaxinación, risas e sorpresas; e Lullaby, de Proyecto Kavauri, un espectáculo acrobático, con moito humor, saltos frenéticos e agarres.
Hoxe, ás 20.30h, no Pazo da Cultura, tivo lugar a inauguración da exposición Zoom FIOT 2023, da man dos/as fotógrafos/as que forman parte da mostra: de José L. Castro, José Manuel Pérez, Fernando Nieto, Kiko Rojo, Cris Becerra, Andrea Sánchez, Luz Vilas e Marcos Rodríguez; na inauguración participará, tamén, a Aula Municipal de Teatro de Carballo.
AXENDA DO #FIOT33 DO 26 AO 29 DE SETEMBRO
XOVES 26 DE SETEMBRO
Rescate emotivo, de Walter Velázquez (18.30h, Residencia de Maiores de Carballo) I RÚA DOS CONTOS
Animación de rúa, conWalter Velázquez (20.00h, rúas de Carballo) I TEATRO DE RÚA
Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), de Federico Pérez (21.00h, Mesón do Pulpo) I RÚA DOS CONTOS
+ Inauguración da exposición ZoomFIOT, cos fotógrafos participantes en 2023 (20.30h) I Pazo da Cultura
VENRES 27 DE SETEMBRO
Cabicivai, de Pablísimo (18.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
Lullaby, de Proyecto Kavauri (19.30h, Praza do Concello) I TEATRO DE RÚA
Cagadas, de Cándido Pazó (21.00h, Valle Inclán Café) I RÚA DOS CONTOS
A ver que pasa, de Evaristo Calvo (23.00h, Logradouro) I RÚA DOS CONTOS
SÁBADO 28 DE SETEMBRO
Riquiña, de Jazmín Abuín (21.00h, Casino 1889) I RÚA DOS CONTOS
Enredada, de Leti da Taberna (23.00h, A Estación) I RÚA DOS CONTOS
DOMINGO 29 DE SETEMBRO
Sois maravillosos D.O. Cádiz, de Miki Dkai (20.00h, Mercado Municipal) I RÚA DOS CONTOS
UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33
Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.
Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.
Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.
Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO
O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.
O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición.
Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos.
Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.
Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González.
A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.