- No concerto, que será este sábado, 1 de febreiro, ás 21.30 horas, ABDL estará acompañada de artistas como De Vacas ou Tomé Mouriño, entre outros
- ‘Lovismo’ é o quinto disco d’A banda da Loba e supón o regreso do grupo logo dun ano afastado dos escenarios
- Aínda quedan entradas para o concerto e pódense adquirir na web salacapitol.com
Faltan apenas uns días para descubrir como soan en directo os once temas que compoñen Lovismo, o novo disco d’A banda da Loba, ABDL. A cita será este sábado, 1 de febreiro, ás 21.30 horas, na Sala Capitol de Santiago de Compostela e as entradas pódense adquirir na web salacapitol.com.
O concerto de presentación de Lovismo promete ser nunha auténtica festa na que non faltarán algúns dos artistas que colaboran no traballo: De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco. Trátase, ademais, dun evento aberto aos menores de 16 anos, xa que poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable sendo indispensable presentar o DNI.
Lovismo supón o regreso de ABDL aos escenarios logo dun ano lonxe deles para materializar este traballo, o quinto do grupo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL.
ABDL
A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volven aos escenarios con Lovismo.
Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.
ACREDITACIÓNS PRENSA | CONCERTO PRESENTACIÓN ‘LOVISMO’ de ABDL
Solicitude de acreditacións: até ás 14 horas do xoves 30 de xaneiro
vía correo electrónico a bea@theofficeco.es ou lucia.pita@theofficeco.es
Escoita Lovismo: https://open.spotify.com/intl-es/album/2NKlB7ucF88clQGI81LMFC?si=d6i5EeoWTBGoC_ZuQksRbA
Concerto de presentación de ‘Lovismo’
1 de febreiro do 2025 | 21.30 h | Sala Capitol | 12 € anticipada e 15 € en billeteira
Entradas á venda en salacapitol.com
AVISO: Os menores de 16 anos poden asistir acompañados dun adulto responsable e presentando o seu DNI
Web A banda da loba | https://abandadaloba.gal/
20250128-NP-ABDL-presenta-Lovismo-na-Capitol-de-Santiago