O vindeiro venres 18 de marzo de 2022, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba terá lugar a presentación do libro de María Xosé Lamas “Un corvo en Caldaloba”, obra de teatro publicada polo IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba.
Na miña época de estudante en Lugo, a Biblioteca atopábase nos baixos da Deputación. A min realmente só me interesaba para pedir libros, ou rara vez para quedar con algún compañeiro co fin de facer algún traballo en equipo. A estudar ou realizar tarefas non adoitaba ir, custábame moito concentrarme e o normal era que acabase lendo o libro que viña de pedir prestado e, dese xeito, atrasar o traballo do día seguinte.
Mais, cando non tiña ningunha tarefa nin exames á vista, despois de entregar o libro e de recoller un novo, ía para a sala de lectura, sacaba uns apuntes calquera e facía que estudaba. A intención era agardar a que aparecese algunha moza para tentar cortexar con ela. Xamais sucedeu tal cousa, xamais, agás un pequeno amago unha tarde de finais de maio, non se me esquece.
Cheguei, fixen o troco habitual de libros e funme sentar xusto enfronte dunha rapaza moi concentrada na lectura dun libro. Saquei apuntes e comecei a escribir o que se me ocorría nun folio, mentres de esguello ollaba para a moza. De alí a un bocado, escoitei unha especie de murmurio. Era ela, que declamaba:
Comme je descendais des Fleuves impassibles,
Je ne me sentis plus guidé par les haleurs:
Des Peaux-Rouges criards les avaient pris pour cibles,
Les ayant cloués nus aux poteaux de couleurs…
–De quen é? –pregunteille.
–Non coñeces a Rimbaud?
–Si, pero nunca lin nada del.
Amosoume o libro: “Oeuvres complètes”. Arthur Rimbaud. Gallimard. 1972. Pregunteille onde o comprara e díxome que na libraría Alonso.Tomei nota do mesmo, e seguimos falando de poesía e das nosas preferencias literarias. Pasado un bo cacho, animeime e inviteina a tomar un café.
–Si, coma non. Imos ao Monterrei, se che parece ben —contestou ao momento.
O Monterrei era unha das cafeterías, na rúa das Docerías, a carón do restaurante ” La Coruñesa”, á que adoitabamos ir os estudantes. Para alí marchamos e despois de pedir uns cafés continuamos coa conversa, ata que ao cabo dunha media hora, aparece un mozo, dálle un bico e sentándose a seu carón, dille:
–Isabel, non quedamos en vernos na Biblioteca?
–Si, pero atopeime con este amigo –contestoulle, dirixindo a mirada cara a min– e aquí nos viñemos. Sabía que ti xa te darías conta que ía estar no noso lugar habitual.
Calou a boca e pediu un café. Empecei a encontrarme mal, sabía que non pintaba nada alí, así que pasados uns minutos, escuseime e deixeinos, dirixíndome directo cara a Praza do Campo. Entrei na Alonso e pedín o libro. Non o tiñan, pero comprometéronse a que en nove ou dez días o terían, como así foi.
A Isabel volvina ver nos días seguintes varias veces pola rúa abrazada a aquel rapaz. Nunca nos saudamos, facíamos coma se non nos coñecésemos. O curso estaba a piques de rematar e ao ano seguinte non volvemos coincidir. O amor de Isabel non o conseguín, pero si o do poeta de Charleville. Grazas ao encontro daquela tarde de maio, comezou a miña admiración polo autor de “Le bateau ivre”.
Para conmemorar a data do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Culturalia GZ promove a presentación do Proxecto IRMÁS, onde 8 destacadas voces femininas contemporáneas galegas reivindican a outras 8 mulleres (irmás), que sobresaíron no primeiro terzo do século XX, aínda que, por causa do convencionalismo patriarcal imperante, viron obstaculizada a súa difusión como figuras salientables no eido de distintas disciplinas profesionais (artes, ciencia…) na Galiza.
En palabras de Beatriz Dourado, coordinadora deste proxecto, no que tamén participa: IRMÁS nace como unha xenealoxía feminina en clave 8/8 -tendo presente o 8 de marzo- que pretende reivindicar a figura de mulleres pioneiras na Galiza de 1916-1936, vencelladas ás Irmandades da Fala, a través da escrita e a ilustración de autoras galegas contemporáneas.
As voces participantes neste Proxecto IRMÁS e as personalidades ás que homenaxean aparecen na seguinte relación:
EILÚN DEL PAZO MOA – AMALIA ÁLVAREZ BEATRIZ DOURADO – OLIMPIA VALENCIA CECILIA FERNÁNDEZ SANTOMÉ – MARÍA LUZ MORALES MÍRIAM FERRADÁNS – MARÍA MIRAMONTES ROCHI NÓVOA VÁZQUEZ . ELVIRA BAO PATRICIA TORRADO QUEIRUGA – JACINTA LANDA LUPE BAO – AMPARO LOPEZ JEAN TAMARA ANDRÉS – TERUCA BOUZA
Esta presentación virtual, que se realiza a través da web Culturalia GZ e mais nas súas RRSS, supón o adianto dunha publicación en formato plaquette, que frutificará en datas vindeiras, co gallo de estender máis aló da simboloxía que supón cada 8 de Marzo de conmemoración do Día da Muller, e asemade reivindicar o recoñecemento que merecen e que lles foi usurpado a esas personalidades femininas relevantes e coetáneas da etapa das Irmandades da Fala.
En canto á edición en papel deste libro, vaise contar coa arte de Adolfina Mesa para a realización ex professo da imaxe da portada, co ánimo de que sexa representativa do contido global desta breve mais intensa obra.
Velaquí o vídeo que serve de presentación de Proxecto IRMÁS
O vindeiro xoves 10 de marzo de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro de ANTÓN MEILÁN, Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte, nun acto organizado polo IESCHA, coa colaboración da Vicepresidencia-Área de Cultura da Deputación de Lugo (entidade editora) e o Concello de Vilalba. Intervirán no mesmo: Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, Chema Felpeto, membro da Xunta Directiva do Iescha, e o propio autor do libro, Antón Meilán.
Eu que son de terra, que se me perdeu no mar? Coido que, talvez, un anaco de corazón. Calquera que ame esta terra está mirando para o mar de vez en cando, está lanzando preguntas a un horizonte.
Tras o triste acontecemento do naufraxio do “Vila de Pitanxo” en augas de Terranova decido acudir á poesía, á nosa poesía de mar –o sal sandando asferidas. Leo, así, poemas de Antonio García Teijeiro, Manuel Rivas ou Elvira Ribeiro e é como chorar sobre auga, conmoverse a sabendas que nada podemos mudar, abrazándonos a esta fraxilidade que nos define. Porén, o salto cronolóxico vén da man de Manuel Antonio. De súpeto, aparece coma un faro e volvo a De catro a catro.Desta vez fágoo nunha fermosísima edición, coidada até o detalle, de Alvarellos.
Case un século despois da súa saída ao prelo, De catro a catro. Follas d’undiario d’abordosegue estando de plena actualidade. Mudaron as estradas, os ferrocarrís, mais o mar non tanto. Quizais porque el mellor que ninguén pode presumir de indomábel. E nas páxinas deste poemario, empapadas aínda envangarda, atopamos a soidade, o medo, a calma, a admiración que provoca este xigante. Até as notas que o autor deixa estratexicamente apartadas do poema amosan unhas imaxes potentísimas, que nos revelan que a poesía,cando realmente o é, perdura nos límites do tempo. Velaquí un exemplo:
“O mar adentro é unha illa d’auga
rodeada de ceo por todas partes”.
Non veño a descubrir nada, a crítica xa salientou no seu día o valor da edición deste manuscrito. Tan só detéñome neste oasis, e convido a que se deteñan,para lembrar a figura de Manuel Antonio e a aqueles que perderon a vida no mar.