por martinho | Mar 22, 2022 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 26 de marzo, ás 17 horas, o espectáculo de Fantoches Baj, “Novos Lobos”. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir de cinco anos, nel mestúrase a narración oral coa manipulación dos títeres.
Espectáculo baseado en contos da literatura popular adaptados e interpretados desde outras olladas. O espazo en que sucede a acción é un pequeno refuxio da montaña ondeun pastor está a coidar das súas ovellas (o público)
Ver ligazón do espectáculo: https://www.youtube.com/watch?v=mhvZc6bYn2w&t=104s.
Fantoches Baj é unha compañía creada inicialmente en Portugal por Inacio Vilariño no ano 2006. Desde aquela o seu campo de interese céntrase no teatro de monicreques entendidos dunha forma ampla. Desde a proposta máis tradicional dos bonecos de luva e variña do primeiro espectáculo Tío Miseria (2007), a unha progresiva apertura a outras formas máis contemporáneas do teatro de obxectos como no seu espectáculo O Asombro(2010) ou a utilización do kamishibai xaponés en As Pombas de Carboeiro. Na actualidade son moitos xa os espectáculos no haber da compañía. Entre os máis recentes Os Golfiños e o xigante, traballo polo que obtivo o premio Barriga verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil, Os romeiros do caracol, Auga que non vas beber…
É necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621 (billete: 2 euros)
por martinho | Mar 18, 2022 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O sábado 26 de marzo ás 18 h o IEU presentará en Antas de Ulla o libro Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia, coordinado por Aldara García Gómez e María José Gómez Alvite e editado pola Deputación de Lugo e o propio Instituto de Estudos Ulloáns.
Realizarase a presentación na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla, cedida para esta ocasión polo Bispado e Lugo e a Parroquia de Antas, que xa colaboraron co IEU en anteriores actividades culturais. Intervirán no acto Pilar García Porto, deputada provincial e responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo; María José Gómez Alvite, coordinadora da edición e coordinadora da sección de Historia do IEU; e Francisco Pardo, director do IEU. E contarase coas interpretacións dun grupo de músicos e músicas de Antas de Ulla.
Trátase do segundo libro monográfico do IEU sobre a comarca da Ulloa. O primeiro foi As Feiras de Monterroso, e no ano próximo publicarase outro centrado en Palas de Rei, coordinada toda a colección por María José Gómez Alvite.
O libro Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia abrangue temas moi diversos, dende historia, xornalismo, xeografía, bioloxía, persoeiros, etnografía, arte, musica, ata creación literaria, referidos todos eles ao concello de Antas de Ulla. Son tamén moitos e representativos os autores e autoras deste libro monográfico:: Ana Moure Soengas, Asociación Cultural e musical Tesmenteira, Cristina Varela Cadahía, Fernando García Penas (Fernando da Serra), Francisco Pardo Teijeiro, Hilda García Cabanas, María José Gómez Alvite, Mercedes Somoza López, Paco Ledo, Sandra GodedMillán, Técnicos de ordenación do territorio do IEU, Toño Núñez, Xesús Antonio Gulías Lamas, Xulio Pardo de Neyra, e Xurxo Mouriño Lourido, a maior parte deles socios e socias do Instituto de Estudos Ulloáns.
Podedes consultar o índice en http://ieu.gal/libros/
por martinho | Mar 15, 2022 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos e lectura do Manifesto
· As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nela colaboran Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes do Colectivo NOGA
· Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo
A X edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.
As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Marín, A Laracha, Narón, Culleredo, Portonovo, Cangas, Alfoz, Soutomaior, Oleiros, Fene, Brión, Ribeira e Ourense. Será un día de festa e tamén de reivindicación.
Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez ‘Guti’, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso F. Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.
Ademais, nesta edición o escritor, investigador e creador da web Galicia Encantada Antonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.
A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.
Unha arte de sempre e moi viva
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións que o colectivo de narradores e narradoras galegas insta a ser retomadas, principalmente naqueles concellos e espazos que permanecen pechados dende o comezo da pandemia.
Para os eventos culturais e para os artistas en particular estes dous anos foron moi duros, de reinventarse e adaptarse a mil situacións diferentes e conmemoran o seu día coa alegría e coa ilusión de tempos novos ubicando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
CRÉDITOS | Manifesto: Antonio Reigosa | Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.
IMAXES EN ALTA | bit.ly/NarracionOral2022