Convocatoria do II Certame de Debuxo Infantil A TÚA CALDALOBA

A Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino convoca, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cospeito, o II Certame de Debuxo Infantil “A túa Caldaloba”.

A continuación as BASES que rexerán dito certame

Descargar BASES

Descargar Autorización Menores

Convocatoria do II Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO

A Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino convoca, en colaboración con Caldaloba.es e Culturalia GZ, e co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cospeito, o II Certame de Caligramas “Constanza de Castro”.

Velaquí as BASES que rexerán dito certame

Descargar BASES

Descargar Autorización Menores

Conferencia de Miro Villar sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán na Casa da Cultura de Vilalba.

O venres 6 de maio, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba o IESCHA organiza a celebración dunha conferencia de Miro Villar sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022.

En dito acto, ademais do mencionado Miro Villar, tamén participará Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_MIRO-VILLAR

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Os seres queridos

Autora: Berta Dávila

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2022

Acabei de ler Carrusel de Berta Dávila pouco antes do comezo da pandemia, desexando mergullarme en máis libros da autora. No transcurso destes anos raros, por un motivo ou por outro, ou quizais porque a vida, tristemente, non chega para tantas lecturas, detiven ese anhelo. Até hai unha semana. E compenseino, ou iso quixen crer, mercando a un tempo Os seres queridos e Un elefante na sala de estar. Hoxe quero centrarme no primeiro.

Nuns días seguramente recibirei, coma boa parte das mulleres que temos fillxs, algunha mensaxe edulcorada felicitándome por ser nai, igual que me poderían felicitar por ter os ollos castaños ou por durmir boca abaixo. Nalgúns casos, gardarei silencio, noutros, intentando non resultar moi arisca, direi que non teño nada que celebrar. Sentireime, novamente, unha rara avis. Ou, quizais desta volta, non tanto, xa que o pouso deste libro acompaña, dalgunha maneira, ás disidentes.

Gústame que as novelas teñan a ousadía de abrir fiestras sobre tabiques moi ben cimentados, que amosen as fendas por onde se filtra a luz. Os seres queridos faino. E faino sen grandes sobresaltos, sen exceso de épica, sen pretender unha gran trama, mais reclamando o dereito a contar desde o outro lado, nomeando o que se oculta, a través da voz da súa protagonista. A crianza, a separación, a vida en parella, o aborto, os vínculos familiares ou as amizades son algúns dos elementos sobre os que se constrúe un relato verosímil, valente e cargado de afectos.

“Nunca experimentei o amor maternal porque non quero o meu fillo polo feito de ser súa nai, senón por quen é el; porque non me pertence, pertence ao mundo; porque non o instrúo nin o dirixo, apenas o acompaño, como el me acompaña a min. Levoume moito tempo descubrir que o vínculo entre o neno e eu non era necesariamente un imán ou unha maxia, aínda que pareza ser así para outras nais e, en concreto, para a maioría das nais da ficción. A descuberta foi reveladora: se o vínculo non era hipnótico e instantáneo, daquela podía, igual que fixera con calquera das outras persoas que amaba, construír o amor maternal, coma quen constrúe un tecido de punto e lle dá forma á súa primeira bufanda”.

A faixa branca do libro pon en letras maiúsculas XXXVIII PREMIO XERAIS DE NOVELA. Unha vez que a quitas a elegancia do espido supera calquera recoñecemento máis que merecido.

Xurxo Souto celebra 20 de literatura na Casa-Museo Manuel María

Xurxo Souto vén celebrar connosco os seus 20 anos de literatura.
Xa o fixo en Lisboa, Lugo, O Barqueiro, na Coruña… e este sábado, día 30 de abril, ás 20 horas, faráo en Outeiro de Rei, na casa natal do seu amigo e “mestre”, Manuel María.
Xurxo vén celebrar as persoas e lugares marabillosos que foron aparecendo na súa vida a través da música e os libros. E vaino facer coa forza da súa poderosa palabra e na compaña de Richi Casás, director do Pardiñazo (XL aniversario do festival de Pardiñas) co que fará algunha cantarea cos sons do saxofone e do acordeón.
Entrada libre. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

MONDOÑEDO é POESÍA 2022

MONDOÑEDO é POESÍA 2022 (8ª EDICIÓN)

Mondoñedo é poesía chega á súa 8ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) os amantes do verso dito, recitado, cantado, musicado ou visual.

Esta actividade enmárcase, como sempre foi, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se veñen celebrando en Mondoñedo desde 1541 (hai xa 481 anos).

O cartel oficial desta edición é da autoría de dous creativos con raíces mindonienses, o fotógrafo Ignacio Castro “Nachok”, e o deseñador Diego Núñez.

RECITAL Nova Poesía

17:00h. Praza Jaime Cabot (Alcántara)

Adrián A. Vázquez Rodríguez (1º Premio Díaz Jácome 2021), Adrián Maceda Fernández (2º Premio Díaz Jácome 2021) e Branca Trigo Cabaleiro (3º Premio Díaz Jácome 2021).

I RECITAL Poesía Infantil

Alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro

Organiza: Asociación Tanque de Zinc. Colabora: ANPA Chinchaollo.

Presenta: Ton Arenas

RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’

18:00h.

Recitan:

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, Galicia, 1958). Poeta, dramaturgo e editor. Premio Nacional da Crítica Española 1985 e 2005.

Olga Novo (Vilarmao, Pobra de Brollón, Galicia, 1975). Poeta, ensaísta e profesora. Premio Nacional de Poesía 2020.

Xuan Bello (Paniceiros, Tineo, Asturias, 1965). Poeta, narrador, tradutor e ensaísta. Premio Nacional de Literatura Asturiana 2017.

Música: Gelria. Grupo galego-catalán fundado en 2014. 

Formación para este concerto: Rubén Fernández (voz), Federico Mosquera (piano), Mario G. Cortizo (percusión) e Pablo Pérez(contrabaixo).

***

Organizadores: Asociación As San Lucas, Colectivo Mondoñedo É … e Asociación Tanque de Zinc.

Colaboran: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Mondoñedo e ANPA Chinchaollo.

Imaxe cartel: Ignacio Castro “Nachok”.

Deseño: Diego Núñez.

DA_PTICO-MeP2022

Descargar DÍPTICO