Lanzamento do videoclip NENO, da banda Exeria, o 17 de xaneiro

A banda de rock alternativo do Condado, Exeria, presenta o vindeiro 17 de Xaneiro un novo videoclip para o tema Neno.

No texto promocional do vídeo dise:

Para comezar novos ciclos, hai que pechar outros. Neno foi publicado no Ep Sobre a independencia en marzo de 2024 e fálanos sobre unha persoa cuxos demos persoais son incontrolables, incompatibles con valores como a lealdade, a amizade, o cariño. E difícil cando tratamos con xente así, e moito mais se temos aprecio por eles. 

As guitarras acústicas e o son envolvente dos sintetizadores lévannos da man, contando a historia con crueza e pouco a pouco van misturándose coa letra, ata chegar ao retrouso catártico, onde toca sincerarnos.

As verdades poden doer moito.

O videoclip de Neno esta dirixido por Wences Lamas, artista que xa traballou coa banda en Un novo nome, o seu primeiro videoclip.Descríbese el mesmo:
Gústanme moito as pontes. O meu traballo consiste en tendelas. Hai algo moi autista en min que se desenvolve na plástica e na escrita, que intento mesturar coa xente que se ve máis nos rituais, acontecementos, música e vídeos. Unha vocación de crear maionesa entre un cura gnóstico e un artista contemporáneo, entre un exhibicionista das súas propias feridas e un xardineiro de pequenas recreacións paradisíacas. 
No que respecta ao audiovisual dirixín uns 40 videoclips, moita videoarte, algunhas películas secretas e máis de 200 titoriais. Traballo con poucos recursos e procuro que os meus técnicos e actores sexan familiares ou se convertan en familia.

Esta é a despedida dun ano cheo de concertos para a banda (mais de 20),agora tócalles mirar ao futuro e preparar os seus novos traballos.

Wences tamen dirixiu o primeiro sinxelo da banda Un novo nome.

A intención era recrear un renacemento, un punto e aparte. E tendo en conta que Exeria surxe da unión de músicos que xa levaban tempo tocando xuntos, iso buscaban plasmar. 

.

Vimbio abre o ano con EU NO QUERO TRABALLAR, o seu novo lanzamento


VIMBIO ABRE O ANO CON ‘EU NON QUERO TRABALLAR’, O SEU NOVO LANZAMENTO

ESTE TEMA É O QUINTO ADIANTO DO SEU NOVO PROXECTO

Vimbio comeza o ano satirizando sobre a falta de ganas de traballar e cotizar co lanzamento do seu novo tema ‘Eu Non Quero Traballar’, nunha canción que se achega a un estilo máis punk e que consolida así a súa aposta renovadora á par que ecléctica. O grupo recolle a letra extraída dunha cantiga popular galega para reeditala baixo un son moito máis canalla, outorgándolle unha nova vida baixo o mesmo significado. Este tema exerce como quinto adianto do grupo e actúa como apertura dun ano no que se espera moita máis música e concertos por parte da banda.

Tras o lanzamento de ‘Insisto’, ‘Mayday’, ‘Bombas Incendiarias’ e ‘Comeza o xogo’, o grupo liderado por Álex Arnoso, unha das voces protagonistas de SonDaRúa, comeza o ano publicando ‘Eu non quero traballar’. Esta proclama contra o traballo exerce como consolidación da diversidade sobre a que se move o grupo, conformando así unha conxunción entre o rap cru e sons que circulan entre xéneros como o metal ou o punk.

Gravada en LUFS Studios, coa mestura e masterización de Damian Mo, a canción conta cun videoclip dirixido por IzanMG que foi filmado en distintas localizacións de Vigo, Porriño, Ponteareas e As Neves.

Con este lanzamento, Vimbio incorpórase ao roster de PlayPlan, axencia de representación de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Sabela, Hugo Guezeta, LODE ou García MC, e promotora de festivais como SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra ou Festival do Pasatempo.


MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.