Desde hoxe, 19 de decembro, é posible escoitar ‘Pava 3’ nas principais plataformas dixitais e adquirilo a través do Bandcamp do grupo
O lanzamento coincide coa presentación do videoclip do tema ‘Unha cadela chamada Por Favor’ que conta coa colaboración de Gloria Pavía
O concerto de presentación oficial de ‘Pava 3’ será o vindeiro 5 de xaneiro na sala Mardi Gras da Coruña e as entradas xa están á venda en www.entradium.com
Xa é posible escoitar Pava 3, o terceiro EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. Desde hoxe, 19 de decembro, Pava 3, un exercicio de pop luminoso, está dispoñible nas principais plataformas dixitais e é posible adquirilo a través do Bandcamp de PAVA. O lanzamento coincide coa estrea do videoclip realizado por Antón & Martiño para o tema Unha cadela chamada ‘Por Favor’, unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía.
No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada.
Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben.
O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.
Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes.
O cuarto tema é o xa mencionado Unha cadela chamada ‘Por Favor’ e o peche deste álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.
5de xaneiro: Noite de Raíñas Pavas
O concerto de presentación de Pava 3 terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario. As entradas para a cita xa están dispoñibles, por 13 €, na plataforma web www.entradium.com.
Ademais, Pava 3 acompañarase un merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras.
Biografía de PAVA
PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santosno baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego.
PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanza o seu terceiro EP, Pava 3.
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos
Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que en 2024 rexistrou o seu récord de participación
En 2024, o festival reuniu a máis de 25.000 persoas durante oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia
O Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.
Así, no Atlantic Pride 2025 non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBI+, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación.
En 2024, o festival reuniu a máis de 25.000 persoas durante oito xornadas de concertos, da man de figuras como Vengaboys, Chanel, Nebulossa, Nena Daconte, Raúl, Rosa López, Las Ketchup, Shego, Luna Ki, Morreo, Supremme de Luxe, Mondra, Sila Lúa, Lontreira, Amoebo e máis dunha trintena de bandas e artistas de referencia.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’
Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
A compañía, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, bota o pano da celebración do seu 20 aniversario iniciada a finais de 2023- cun fito único na cidade herculina: o Teatro Colón acollerá tres noites seguidas, do 17 ao 19 de xaneiro de 2025, ás 20.00h, as pezas de danza Leira, Berro e Dique
As entradas para a iniciativa, que é posible grazas a colaboración da Deputación da Coruña, son de balde ata completar a capacidade da sala, coa retirada previa dos convites para cada un dos tres espectáculos a travésda plataforma online Ataquilla desde este xoves, 19 de decembro, ás 12.00 h
A compañía Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña este mes de xaneiro para presentar no Teatro Colón un fito único: unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: Leira, Berro e Dique. Nesta ‘Antoloxía de Nova Galega de Danza’, a muller toma centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza. Serán tres noites máxicas nunha mesma fin de semana na cidade herculina que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na cidade. Con esta iniciativa, que é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a compañía botará o pano da celebración do seu 20 aniversario, iniciada a finais de 2023.
As entradas para a iniciativa son de balde ata completar a capacidade da sala, coa retirada previa dos convites para cada un dos tres espectáculos a través da plataforma Ataquilla desdeeste xoves, 19 de decembro, ás 12.00h.
SOBRE OS ESPECTÁCULOS DA ‘ANTOLOXÍA DE NGD NA CORUÑA’
Leira
Venres 17 de xaneiro, 20.00h
O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie, habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiro de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo; é a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. O espectáculo foi galardoado co Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza -Iván Villar- en 2021, na XXIV edición dos premios, onde foi tamén finalista como mellor espectáculo de danza.
Berro
Sábado 18 de xaneiro, 20.00h
Berro representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.
Dique
Domingo 19 de xaneiro, 20.00h
Dique nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.
Poucas persoas saben que a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España foi escavada por mulleres. Entre 1874 e 1879 executouse a construción do Dique da Campá de Ferrol. Alí, un total de 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. Eran “as estibadoras”. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.
No 150 aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.
SOBRE NOVA GALEGA DE DANZA
Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única ao redor da danza en Galicia. Unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu once espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Galicia Camiña (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Ser e Terra (2010), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).
Entre os galardóns recibidos por NGD destacan o Premio da Cultura Galega en 2021, a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol en 2021, o Premio Max 2021 ao mellor intérprete masculino de danza para Iván Villar, o Premio do Público nas edicións de 2020 e 2016 da MIT de Ribadavia, o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009, o 2º Premio no I Certame de Creación Coreográfica de Galicia en 2003 e o 4º Premio na I Maratón de Danza de Madrid en 2002.
FUNCIÓNS ‘ANTOLOXÍA NOVA GALEGA DE DANZA NA CORUÑA’
Leira | Venres 17 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas
Berro | Sábado 18 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas
Dique | Domingo 19 de xaneiro | Teatro Colón | 20.00 horas
De Ninghures estrea mañá, martes 17, ‘A Burriña’, o segundo adianto do seu novo traballo discográfico
A banda continúa a avanzar coa súa particular renovación da tradición, e desta quenda presentan un tema que aborda a imaxe do traballo das mulleres
A peza, da que a formación publicou este domingo un avance no seu perfil en Instagram, poderase escoitar desde as 00.00h do día 17 nas plataformas dixitais
De Ninghures afonda na súa aposta pola renovacion das músicas de raíz e por crear un novo camiño na actualización da tradición, cos pés na terra mais desde un prisma contemporáneo. Este martes, 17 de decembro, a formación dará a coñecer A Burriña, unha peza que aborda a imaxe do traballo da muller e que se presentará coma un torrente de forza, ateigado de cordas vibrantes e país.
Ao igual que Corazón alionado, o tema que a banda deu a coñecer no mes de novembro, A Burriña é unha peza cun marcado carácter, e que a través de letras propias e da revisión de coplas tradicionais, aborda a imaxe do traballo da muller e a súa falta de recoñecemento malia o seu esforzo silencioso, constante e necesario.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñece Corazón alionado.
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe MATRIA, de ÁLVARO GAGO, continuando así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta novena proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o sábado 21 de decembro de 2024, ás 20:00 horas.