Teatro do Noroeste achega a estrea do seu novo espectáculo, ‘Guerra’, ao Teatro Principal de Compostela os días 17 e 18 de xaneiro

Ao máis puro estilo shakespeariano, Eduardo Alonso firma e dirixe unha traxedia aderezada de comedia e ironía para entreter concienciando

O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio 

As entradas para ambos espectáculos están xa dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra 


Teatro do Noroeste desembarca coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Guerra, no Teatro Principal de Santiago de Compostela o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20.30h. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, será a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Trala representación do sábado 18, o público poderá gozar cunha conversa postfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste. 

Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices. Tal é a premisa de Guerra, onde as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución. O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso  e produción de Eva Alonso.

FOCO TEATRO DO NOROESTE

Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de ‘Guerra’, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. As entradas para ambos espectáculos están xa dispoñibles en Compostela Cultura: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/guerra

SOBRE O ESPECTÁCULO

“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros”. 

Ao máis puro estilo shakespeariano, Guerra é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. Teatro do Noroeste amosa unha realidade actual a través dunha alegoría eterna e substancial. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso: 

Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta “guerra” de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.

E continúa: “o teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.  

NP_Teatro-do-Noroeste-GUERRA

‘Pava 3’, o terceiro disco de PAVA, xa está dispoñible

  • Desde hoxe, 19 de decembro, é posible escoitar ‘Pava 3’ nas principais plataformas dixitais e adquirilo a través do Bandcamp do grupo
  • O lanzamento coincide coa presentación do videoclip do tema ‘Unha cadela chamada Por Favor’ que conta coa colaboración de Gloria Pavía
  • O concerto de presentación oficial de ‘Pava 3’ será o vindeiro 5 de xaneiro na sala Mardi Gras da Coruña e as entradas xa están á venda en www.entradium.com


Xa é posible escoitar Pava 3, o terceiro EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. Desde hoxe, 19 de decembro, Pava 3, un exercicio de pop luminoso, está dispoñible nas principais plataformas dixitais e é posible adquirilo a través do Bandcamp de PAVA. O lanzamento coincide coa estrea do videoclip realizado por Antón & Martiño para o tema Unha cadela chamada ‘Por Favor’, unha balada con ritmo envolvente na que destaca a colaboración de Gloria Pavía.

No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben. 

O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.    

Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes.

O cuarto tema é o xa mencionado Unha cadela chamada ‘Por Favor’ e o peche deste álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz.

5 de xaneiro: Noite de Raíñas Pavas

concerto de presentación de Pava 3 terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario. As entradas para a cita xa están dispoñibles, por 13 €, na plataforma web www.entradium.com

Ademais, Pava 3 acompañarase un merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras. 

Biografía de PAVA

PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santosno baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego.

PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanza o seu terceiro EP, Pava 3

Escoita Pava 3: https://pava.bandcamp.com/album/pava-3

Videoclip de Unha cadela chamada ‘Por Favor’: https://youtu.be/q5zwEv5W3G4

Concerto de presentación de Pava 3
5 de xaneiro 2025 | 22.00 h | Sala Mardi Gras (A Coruña)
Tickets 13 € | https://entradium.com/events/concerto-presentacion-pava-3

PAVA en Bandcamp | https://pava.bandcamp.com/music

20241219-NP-Pava-3-de-PAVA-xa-esta-disponible

Dossier-prensa-PAVA-3-GAL