A nova creación da banda de hip hop máis emblemática do país marca o inicio dunha etapa na que DKTC ampliará o seu repertorio e percorrerá numerosos escenarios durante os vindeiros meses
O novo tema, que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip dirixido por Xaime Miranda
Dios Ke Te Crew publicará o vindeiro venres 13 de decembro o seu novo sinxelo, Déjà Vu. Trátase do primeiro tema que a formación lanza tras o EP En que ano estamos? (2022), que contén o himno O.G., e o álbum recompilatorio Tremendos Anos 20 (2023),o disco-fanzine publicado fai agora un ano co gallo da celebración das dúas décadas de traxectoria de DKTC.
O lanzamento de Déjà Vu marca o despegue da banda nunha nova etapa, na que a mítica formación de Ordes, conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, regresa ao estudio para ampliar o seu repertorio e ofrecer, de cara ao 2025, unha intensa e potente xira na que percorrerán ducias de escenarios.
Déjà Vu poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do venres 13. O sinxelo, que se publicará co selo Raso Estudio e distribuirá a compañía Altafonte, acompañarase dun videoclip. A peza audiovisual contará coa sinatura do realizador Xaime Miranda, quen traballa habitualmente coa formación. Desta quenda presentará un video de estética cinematográfica cunha atmósfera enigmática e atrapante, ateigado de elementos con forte carga simbólica, e que se poderá ver, tamén a partir do venres 13, na canle oficial de DKTC.
DKTC
Dios Ke Te Crew é a banda máis emblemática do hip hop galego. Desde a súa formación no 2003, o grupo conformado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Numerosos LP, EP e himnos para distintas xeracións dan boa conta da pegada de DKTC no rap do país.
A banda festexou as súas dúas décadas de traxectoria co lanzamento de Tremendos Anos 20, unha obra multidisciplinar en formato disco-fanzine, no que participaron máis de 40 recoñecidos artistas gráficas e musicais. No 2025, DKTC ofrecerá unha intensa xira de directos na que dará a coñecer novo repertorio e revisará os seus grandes éxitos, que se acompañarán dunha potente posta en escena creada por A.L. Crego, quen tamén asina a portada do sinxelo Déjà Vu.
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron na pasada edición
A partir do 5 de decembro, o público poderá descubrir as Sesións San Simón gravadas por Ichiko Aoba, Maestro Espada, Lapili, Fantasmage, Haya Zaatry, Clarissa Connelly, Brìghde Chaimbeul ou Sessa, entre outras figuras
As sesións, que se poderán tanto escoitar coma ver en www.sinsalaudio.es, realizáronse da man de Aleks Kolkowski e consisten no rexistro de cancións nun cilindro de cera
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, dará a coñecer a partir deste xoves, 5 de decembro, as primeiras Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron durante a pasada edición do evento. Trátase dunha das actividades paralelas que se realizan na illa no marco do Sinsal e consiste no rexistro de cancións, ao vivo, nun cilindro de cera. A proposta, posta en marcha da man do experto Aleks Kolkowski, permite ao público viaxar a través do tempo grazas ao son: o tema, ao reproducirse, semella unha gravación de hai máis de cen anos.
Nas Sesións San Simón participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival e teñen lugar en distintos horarios e localizacións do arquipélago durante a súa celebración, sendo abertas para o público asistente. O pasado mes de xullo, figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, os murcianos Maestro Espada, a manchega Lapili, a escocesa Brìghde Chaimbeul, a danesa Clarissa Connelly, o brasileiro Sessa, a palestina Haya Zaatry, as bandas galegas Fantasmage e Isius, as portuguesas Maria Reis e Glockenwise, ou mesmo a Orquesta Clásica de Vigo -que, tanto cun quinteto de metais coma cun de cordas, interpretaron fragmentos da zarzuela La leyenda del beso, do pontearerán Reveriano Soutullo, e que neste 2024 festexa o centenario da súa estrea-participaron desta proposta, cuxo resultado se poderá escoitar a partir deste xoves 5 na páxina web da promotora, www.sinsalaudio.es.
Neste espazo web de Sinsalaudio, o público tamén poderá ver en vídeo as sesións rodadas polo cineasta Álex Cancelo tanto desta edición coma de anteriores ocasións, e que contaron coa colaboración activa de artistas como Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Jesca Hoop, Hatis Noit, Lina & Raül Refree ou Esteban y Manuel, entre outros moitos nomes.