por martinho | Nov 21, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
A artista galego-arxentina presenta un álbum nado “para facer bailar”, no que os instrumentos de raíz, os coidados e a natureza se mesturan con música electrónica, afrobeat ou reggaeton
Cāldo, o primeiro LP da artista galego-arxentina Catuxa Salom, está dispoñible desde este xoves, 21 de novembro, nas principais plataformas dixitais. O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza para facer bailar mentres avoga, enerxicamente, por tecer unha rede de coidados desde a proximidade.
Tras a romantización do rural no seu EP Nunha aldea, este outono Catuxa Salom presenta Cāldo, un disco conceptual que reflicte o duro espertar ao se decatar de que a vida no campo está lonxe da idealización bucólica que semellaba. O traballo discográfico, cheo de emocións profundas, e con cancións moito máis maduras e crúas, pon en valor o papel dos coidados e da amizade como rede fundamental de apoio.
Cāldo mergúllanos nun universo sonoro único e ecléctico no que Catuxa Salom fusiona as súas raíces indíxenas arxentinas coas galegas. O LP componse de nove pezas que nacen nun lugar concreto -a comarca da Ulloa-, pero nas que a creadora aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até inclúe versos en francés. Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta rica e particular, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow (reggaeton), e que representa á perfección o universo sonoro de Catuxa Salom: enérxico e diverso, que agroma da terra e que crece para chegar todas partes. Puro baile.
O disco de Cāldo consta de nove temas:
1. Amores rusos
2. Mar adentro
3. Ela cando baila
4. Instinto
5. Xa non ves
6. Hórreo
7. Aguas venir (Marcos Bayon remix)
8. Sauvage
9. Ojalá venga un indio
Catuxa Salom
A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas enérxicas é a carta de presentación de Catuxa Salom, artista que irrompeu con forza na escena independiente coa publicación do seu EP Nunha aldea, sobre o achegamento ao mundo rural. Logo de percorrer ducias de salas de concertos e festivais de toda España, e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, no 2024 acada o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Escoita Cāldo nas principais plataformas dixitais
Catuxa Salom en vídeo
por martinho | Nov 21, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Con ‘Lobishomes’ Amoebo canta á fuxida do cotián para enrolarse nun mundo fantástico no que dar forma á nosa esencia máis auténtica.
‘Lobishomes’ é o primero sinxelo de ‘Escándalo no escuro’, un dobre álbum que verá a luz a principios de 2025.
O artista galego Amoebo presenta o 28 de novembro o seu novo sinxelo cun vídeo musical dirixido por Xaime Miranda. ‘Lobishomes’ magnifica a sensación de estar atrapados na nosa realidade, relatando a ansia de atopar unha vía de escape. Para elo, o noso protagonista emérxese nos misterios da noite para descubrir o seu alter ego, una criatura fantástica que mistura rasgos humanos e licántropos. Lonxe de converterse nun ser terrorífico, o noso lobishome desfruta da noite invitando a romper coa rutina e a bailar sen complexos. Esta experiencia reflicte a búsqueda da liberdade e o desexo de fuxir das limitacións do día a día, celebrando o poder da música como refuxio de evasión.
O videoclip, rodado na sala coruñesa La Disfrutona del Orzán, conta coa dirección de Xaime Miranda a través da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Xaime ponse mans á obra para conformar unha experiencia visual na que destaca a síntese entre a realidade e o imaxinario a través dunha narrativa dual entre animación e realidade.
Neste traballo producido por David Fernández (Daiv), Amoebo mestura unhaexplosión de rock, pop e ritmos urbanos actuais, creando unha sínteseinterxeracional que se converte en banda sonora para a xuventude e os que manteñen o espírito festivo. Cunha presença moito maior de guitarras e distorsión, Amoebo aposta por un sonido máis agresivo e punzante, sen perder un ápice da frescura que o caracteriza dende os comezos.
Amoebo, un artista emerxente sen tapuxos
Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP “Cada vez mellor”, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.
O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en recoñecidos escenarios galegos como O Son do Camiño, Atlantic Pride, Festival de la Luz, Atardeceres no Gaiás ou Surfing the Lerez. Tamén apareceu en platós de televisión como o recoñecidísimo Luar da TVG ou o no primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega.
Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paidea. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel para preparar o seu próximo lanzamento.
‘Escándalo no escuro’, o doble álbum que dará que falar en 2025
Amoebo xa o adiantou: “En 2025 faremos un dobre álbum no que convivirá a dualidade de dous estilos que a primeira vista poden parecer contrarios”. Este dobre LP verá a luz a principios de 2025 e promete non deixar indiferente a ninguén. O título, ‘Escándalo no escuro’, e un preludio da temática que veremos: polémica, provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. Este título non só acompañará a temática do disco, a escuridade poderá verse reflexada nuns sons máis agresivos que nunca, mantendo a mistura de estilos que xa caracteriza ao artista.
O LP estará conformado por dúas caras (A e B), con seis temas e dous skits cada unha. Na cara A predominarán os ritmos mais urbanos, mesturados co pop dos 2000, tomando de referente divas como Madonna, Britney Spears, Dua Lipa ouBad Gyal. A cara B estará tintada de sons máis rockeiros nas que se percibe un claro pasado metaleiro. Coas guitarras e os baixos como protagonistas absolutos, pero cun fondo urbano e actual, unha mestura enérxica, agresiva e festiva.
O próximo adianto do álbum virá da man do sinxelo “Unha foto”, que estará disponible en plataformas dixitais en xaneiro de 2025.