Hugo Guezeta e Dakidarría publican por sorpresa a súa colaboración ‘Arder’


ESTE TEMA É O ÚLTIMO ADIANTO DO NOVO DISCO DE LONGA DURACIÓN DE HUGO GUEZETA, O NOSO TEMPO, QUE VERÁ A LUZ MOI PRONTO

Hugo Guezeta e Dakidarría unen forzas e publican case sen previo aviso Arder, o último sinxelo antes da publicación do álbum de Hugo, O Noso Tempo. Este sinxelo será a antesala ao anuncio do álbum, e postula a ser un dos grandes temas do mesmo.

Despois de moitas colaboración presenciais en concertos, Hugo e Dakidarría entraron de novo ao estudo para dar vida a Arder, un tema que combina á perfección o reggae tan característico tanto en Hugo como na banda de Nigrán, co rock, tan presente na carreira de Dakidarría. Por suposto, o eixe da colaboración xira arredor das reivindicacións sociais tan intrínsecas en ambos artistas, deixando así un xunte moi orgánico e cómodo para ambos. Baixo o concepto de ver o mundo arder para renacer desas cinzas, esta canción é xa o sétimo adianto do que será o primeiro disco de longa duración de Hugo Guezeta.

Arder está producido por Peter Petrwoski con arranxos de P. Leyenda, e conta coa letra e as voces de Hugo Guezeta, Gabri Reigosa e do propio P. Leyenda. Destaca tamén a participación na guitarra de Iñaki Fernández e no trombón de Paula López. Ademais, o tema ven acompañado dun videoclip gravado tanto na Praia de Patos como en Carpintería Recording Studio, o estudo de gravación de Dakidarría, ambos situados en Nigrán. A dirección vén da man de Adrián Diaño, co que Hugo xa traballou nos seus videoclips de O Noso Tempo e Cantare, adiantos tamén deste novo disco do rapeiro galego.

O álbum, que verá a luz moi pronto, conta ademais con tres datas de presentación xa anunciadas, que terán lugar o 14 de decembro na Sala Rebullón (Mos), o 19 de decembro na Sala Mardi Gras (A Coruña) e o 21 de decembro na Sala Sónar (Santiago de Compostela). A data na Sala Rebullón, ademais de ser o primeiro concerto en solitario desta etapa, será un concerto especial no que haberá moitas sorpresas e colaboracións, e servirá para dar a saída a unha xira que se espallará por todo 2025.

DATAS DE PRESENTACIÓN DE O NOSO TEMPO

14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS

19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS

21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA · ENTRADAS

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

 Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.

Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.

O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.

O seu primeiro disco de longa duración titulado O Noso Tempo, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá moi pronto,  e O Noso TempoFeridasDe VoltaCantareA ToleiraEspertar e Arder son os primeiros adiantos do mesmo, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.

I XORNADAS DE PATRIMONIO INMATERIAL na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos e o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan as I XORNADAS DE PATRIMONIO INMATERIAL que se levarán a cabo na Casa da Cultura de Vilalba, os días 15 e 16 de novembro de 2024 co  programa que se adjunta.

Inclúe a mostra fotográfica “A PEDRA SECA”, de Xosé Manuel Irimia. 

TRIPTICO-XORNADAS-CON-QR

O colectivo “resaca emocional” publica SAE O SOL, o terceiro avance do seu álbum debut

O sinxelo, que toma das Illas Cíes a súa inspiración, poderase escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais e contará cun videoclip

O colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional publica este venres 8 sae o sol, o terceiro avance do que será o seu álbum debut. A nova canción, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas desta noite nas principais plataformas dixitais, afonda no xa característico son pop electrónico de RSK e ten nas illas Cíes unha fonte principal de inspiración, tanto musical coma na creación do videoclip do que se acompaña e que se poderá ver (tamén ás 00.00h) na canle oficial de Youtube de resaca emocional.

En sae o sol, tema no que o colectivo deixa entrever as influencias sonoras de Daft Punk e Rusowsky, explicítase novamente que as emocións son o eixo do imaxinario de RSK, pois o seu álbum debut -que Tremendo Audiovisual publicará nos primeiros meses de 2025- explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas. Así, tras Bolboretas, unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, e Mario Crush, tema que explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico, agora chega sae o sol, que aborda o nacemento dunha relación afectiva.

Neste terceiro avance, resaca emocional fai referencia explícita ás Cíes, ao situar estas illas como o lugar no que nace o amor. Unha analoxía sobre o amencer e os primeiros pasos que poden dar entre dúas persoas con vínculos afectivos é o punto de partida deste novo traballo, que se poderá escoitar desde as 00.00 horas desta noite. A peza audiovisual, rodada no arquipélago e na que participan catro membros de RSK -Ash Diz, Berto Mira, Gala Rodríguez e Rocío Campoy-  alude tamén ao verán e ao compañeirismo.



Que é resaca emocional?

resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde. 

Pregarda sae o sol nas principais plataformas dixitais | Aquí poderás ver o videoclip
Escoita Mario Crush nas principais plataformas dixitais | Videoclip de Mario Crush
Escoita Bolboretas nas principais plataformas dixitais | Videoclip de Bolboretas