‘Vania x Vania (versión 1)’, de Teatro Kamikaze, escrita e dirixida por Pablo Remón, bota o pano da 33ª edición do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro 2024 chega a súa fin este xoves, 31 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, coa estrea en Galicia desta peza 

A obra, que esgotou as entradas hai máis dun mes, está protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso

Con ela, Pablo Remón volve a ‘Tío Vania’, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e de desexos insatisfeitos e soños incumpridos

Antes da representación do espectáculo, os espectadores poderá asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30h, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura 


O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano da súa  33ª edición este xoves, 31 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, coa estrea en Galicia de Vania x Vania (versión 1), de Teatro Kamikaze. As entradas para a función están xa esgotadas.

Antes da representación do espectáculo, os espectadores poderá asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30h, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Carballo.

SOBRE O ESPECTÁCULO

Un campesiño ruso de finais do século XIX, namorado e profundamente infeliz. Pasou toda a súa vida coidando da finca que herdou e interpretando o papel que os demais decidiron para el ata que un día explota. Escápaselle o tempo. Todos viven nun verán eterno no que o tempo se disolve, inundados de aburrimento, de frustracións, de amor non correspondido.

O director Pablo Remón volve a Tío Vania, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e, sobre todo, de desexos insatisfeitos e soños incumpridos. Quen es?, Como elixes vivir a túa vida? É a túa vida unha comedia ou unha traxedia? 

Vania x Vania (versión 1) forma parte do ambicioso e interesante proxecto Vania x Vania, composto por dúas obras interpretadas polos mesmos actores. Dous camiños diferentes ao mesmo texto de Chéjov, reescritos en estilos completamente distintos polo Premio Nacional de Literatura Dramática 2021 Pablo Remón. 

Un escenario baleiro e seis cadeiras. Esta ‘versión 1’ é un Chéjov espido, esencial. Un achegamento minimalista ao texto e á interpretación, a cargo dun reparto de auténtico luxo, con seis extraordinarios actores encabezados por Javier Cámara, recoñecido coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes, ademais de numerosos premios. Xunto a el, completan o reparto uns exquisitos Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso.

AXENDA DO #FIOT33 

XOVES 31 DE OUTUBRO

Programa de Sala

Vaia x Vania (versión 1)

Teatro Kamikaze

21.00h no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo 

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. 

Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.


O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. 

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 


Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información do FIOT33.

CONTACTO DE PRENSA FIOT

Luisa Castiñeira I Tel. 620 113 155

Lucía Pita I Tel. 675 404 321

comunicacion@fiot.gal 

SALA DE PRENSA #FIOT33

https://cutt.ly/FIOT33

MÁIS INFORMACIÓN