O FIOT acolle mañá martes, 22 de outubro, as Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024

Imaxe das Xornadas Profesionais da Escena Galega 2022

A actividade, baixo o título “As artes escénicas profesionais e os públicos: do concepto do espectador ao de comunidade arredor da escena”, desenvolveranse de 9.30 a 18.30h no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, no marco da celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo

As xornadas, que contan co financiamento da Deputación da Coruña, a colaboración do FIOT de Carballo e o patrocinio de Cafés Candelas, é de balde, con inscrición previa a través da páxina web www.escenagalega.gal

As Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024 propoñen un total de cinco mesas redondas de conversa  e debate en torno ao concepto dos públicos, pero, tamén, dos non públicos e de como achegarnos a eles e a elas, con recursos e estratexias dende a mediación ata a comunicación cultural

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, acolle mañá martes, 22 de outubro, as Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024. A actividade, baixo o título “As artes escénicas profesionais e os públicos: do concepto do espectador ao de comunidade arredor da escena”, desenvolveranse de 9.30 a 18.30h no Salón de Actos do Pazo da Cultura (rúa do Pan, s/n), no marco da celebración da 33ª edición do festival. As xornadas, que contan co financiamento da Deputación da Coruña, a colaboración do FIOT de Carballo e o patrocinio de Cafés Candelas, é de balde, con inscrición previa a través da páxina web www.escenagalega.gal

As Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024 propoñen un total de cinco mesas redondas de conversa  e debate en torno ao concepto dos públicos, pero, tamén, dos non públicos e de como achegarnos a eles e a elas, con recursos e estratexias dende a mediación ata a comunicación cultural. As sesións centraranse nas eivas para o sector, reflexionando sobre como achegar, nesta sociedade multipantalla e multicanal, a información sobre a escena galega profesional dun xeito efectivo e directo. Tamén da necesaria, e apenas desenvolvida en Galicia dun xeito global, relación entre a escena e a escola, con accións para escolares diversas que vaian máis alá da exhibición de espectáculos e sirvan para crear públicos de futuro.

Ao longo das cinco mesas proxectadas para o día, as persoas asistentes poderán reflexionar sobre as distintas perspectivas e realidades dos públicos das artes escénicas e cuestións vencelladas á mediación, á escena -tanto amadora como profesional-, o medio rural, o ámbito educativo ou a comunicación cultural.

Máis información en: 

www.escenagalega.gal

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. 

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc.

Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.

MÁIS INFORMACIÓN

2024.10.21.NP-Xornadas-Escena-Galega-FIOT33

Camiño Escena Norte despide este xoves 24 a súa sexta edición coa función ‘Ada Byron: la tejedora de números’

A creación, dirixida a público adolescente e adulto, combina teatro e ciencia para dar a coñecer a vida dunha das mulleres máis relevantes da historia, considerada a impulsora da informática actual

A obra, que se poderá ver o día 24 a partir das 20.30 horas no Pastor Díaz,  foi recoñecida no 2023 co Premio Jovellanos á Produción Escénica; e este ano acadou 6 galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias, entre eles, Mellor Espectáculo

A sexta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega este xoves 24, na Mariña lucense, ao seu fin. O Teatro Municipal Pastor Díaz de Viveiro acollerá a representación do espectáculo Ada Byron: la tejedora de números, unha proposta na que a compañía asturiana La Westia Producciones combina teatro e ciencia para dar conta da vida dunha das mulleres máis relevantes da historia da humanidade.

A obra, dirixida a público adolescente e adulto, presenta a Ada Byron moi enferma, na cama, e que no seu delirio ve o seu pai morto (o poeta romántico lord Byron), con quen revisa a súa propia vida, na que as matemáticas adquiren un gran protagonismo. Nesa revisión vital, na que pai e filla se coñecen, xorden revelacións e reproches que fan cambiar a concepción que Ada ten da súa existencia.

O broche dourado desta sexta edición do Camiño Escena Norte vén acompañado, ademais, de numerosos galardóns. Así, Ada Byron: la tejedora de números foi recoñecida o ano pasado co Premio Jovellanos á Produción Escénica, mentres que neste 2024 acadou seis Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias, entre eles, o de Mellor Espectáculo.

As entradas (5€, 3€ prezo reducido) pódense reservar en rbg.cultura@viveiro.es ou no 982560162 de luns a xoves, en horario de 9 a 14 horas, e na billeteira do teatro  Pastor Díaz no mesmo día da función desde unha hora antes do inicio.

20241021-CEN-en-Viveiro

Gala de Entrega do VII Premio Agustín Fernández Paz a ANDREA BARREIRA

O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o acto de entrega do VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade á escritora gañadora, ANDREA BARREIRA, polo seu libro “QUEN PRECISA UNHA AVOA?”, que terá lugar o sábado, día 26 de outubro de 2024, ás 20:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.

NOTA_INFORMATIVA_ENTREGA-PREMIO-AFP2024

Palestra e exposición sobre MANUEL MARÍA na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa FUNDACIÓN MANUEL MARÍA, organiza a PALESTRA “UNHA VIAXE POLA POESÍA ÍNTIMA DE MANUEL MARÍA“, a cargo de ALBERTE ANSEDE, presidente da Fundación Manuel María. 

 O acto terá lugar na Casa de Cultura de Vilalba, o VENRES 25 DE OUTUBRO DE 2024, ás 20:00 horas.

 No mesmo evento, levarase a cabo a inauguración da EXPOSICIÓN “MANUEL MARÍA: BELEZA, AMOR E COMPROMISO”, que permanecerá aberta ao público ata o día 15 de novembro de 2024.

NOTA-INFORMATIVA-PALESTRA-EXPO-MANUEL-MARIA