DEMIURXIA. Por que esGaza a indiferenza? Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Por que esGaza a indiferenza?

Un ano xa e as cifras son aterradoras, mais igual iso de ser unha cifra non lle confire corporeidade ao mundo. Estes días volvín reler ao filósofo e cineasta Guy Ernest Debord, tan actual hoxe e sempre, e logo dunha charla existencial no xantar co meu fillo de dez anos non puiden facer outra cousa que escribir.

Debord ten unha obra magnífica La Société du spectacle (A sociedade do espectáculo) no que sostén que as sociedades modernas evolucionaron ata un modelo onde as relacións sociais son meras imaxes, representacións, o que converten a vida nun continuo espectáculo. Artellándose o poder e a política a través da produción das mesmas, da espectacularización do mundo alienando ás persoas da realidade material, da política.

Partamos pois, neste caso de que os conflitos actuais amplifícanse a nivel global a través das redes sociais e dos medios de comunicación, construíndo un “espectáculo” do conflito, onde as continuas imaxes de bombardeos, ataques e sufrimento son vistas a nivel global no mesmo intre de aconteceren. É pois a guerra, unha narrativa mediática que, na meirande parte dos casos, oculta as causas profundas e estruturais do conflito que nos levan a sacar conclusións a pé de rúa, sen sequera antes informarnos histórica, política e realmente. É por isto que nesta obra, o filósofo francés fai fincapé en que os actores políticos e institucionais tiran proveito dos medios para controlar as narrativas, polarizando a opinión pública e empregando o conflito para consolidar as súas posicións de poder.

Isto condúcenos, sen dúbida, a unha deshumanización das persoas implicadas, véndoas simplemente coma números ou obxectos, estatísticas ou anacos de carne, que como non son os nosos, non os choraremos. Poñámoslles nomes, idades, historias, veredes como muda o conto.

Pois até o de agora a meirande parte da poboación está a “consumir” o conflito coma un mero entretemento, un aspecto un tanto inquedante, como o mesmo Debord expón na súa obra. Observamos impasibles os aconteceres mentres as nosas vidas continúan sen máis preocupación que saber se o noso equipo vai ou non primeiro na liga ou canto pagaremos este ano de contribución.

Caemos nesta política do espectáculo, do terrorismo onde a falsidade pode asumir legalmente o nome do verdadeiro, do xa extinto. Mentres vemos unha terra alienada dos seus donos dende hai tanto tempo que debe sucumbir ante a vitimización dos herdeiros do holocausto, que non son outros que os mesmos que, a día de hoxe, seguen a perpetrar un xenocidio aterrador.

Estamos ante a descomposición catastrófica da sociedade? Probablemente. O domingo iamos a Santiago a miña frangulla e eu, a enchouparnos baixo a choiva, a partillar indignación con quen tivo a ben compartir consigna porque toda vida é unha vida e ter que perdela a mans dun pobo exterminador que partilla en redes sociais as atrocidades que perpetra é algo que me resta alento día a día. Son estes problemas de hipersensibilidade nosa ou de falta de sensibilidade da sociedade na que nos atopamos? Lembrades cando nos manifestabamos contra a guerra en Irak? Onde quedaron as grandes concentracións contra os atropelos aos dereitos humanos e aos tratados internacionais? Faltábame xente!

No día a día, a mais de solidarizarnos co pobo palestino e libanés enviando diñeiro para oenegués que están a pé de conflito pouco máis podemos facer. Ollar o terrible listado de empresas que colaboran dun xeito ou outro co estado sionista e que nos envolven día a día no traballo, na casa, no ocio, que están en todas partes. Visibilizar, como antigamente o facía o loito, unha kufiya en sinal de dó, xuntarse unha presada de persoas unha vez por semana ou por quincena para demostrar que lembramos, que seguimos vixiantes das atrocidades cometidas cando todo o mundo segue o seu quefacer cotiá sen que nada mude. Porque como diría Debord, hai moita xente que o único que sabe do holocausto nazi é o que veu nunha pantalla de plasma, algo que semella irreal, unha película de ciencia ficción, e esa xente é a que logo di que o da memoria histórica é un invento para desviar cartos do Estado a algo que xa non paga a pena lembrar.

Hoxe, un ano despois, facemos reconto de ataques a hospitais, colexios, refuxios, ONGs. Hai 42.000 persoas asasinadas, máis de 10.000 desaparecidas debaixo dos cascallos do que antes foron cidades, hai máis de dous millóns de persoas desprazadas, o 40% das vítimas foron menores de idade e sempre resistindo, pois lembremos que o pobo palestino leva 76 anos de ocupación e apartheid.

Mentres, o goberno español, autorizou en 2022 exportacións de armas a Israel por uns 9 millóns 200 mil euros, aumentando en 2023 no primeiro semestre a 44 millóns de euros malia que logo do estourido do conflito suspendera temporalmente a venda de armas ao estado sionista.

O mundo gaña cartos a costa das bágoas de milleiros de persoas, o candidato ás eleccións estadounidenses, Donald Trump, dicíalle a Netanyahu que o que tivese que facer que o fixese dunha vez e o fixese ben, amosándolle o seu total apoio e demonizando ao pobo palestino, unha vez máis. E toda a política internacional está chea dos argumentos colonialistas e supremacistas que levaron a outras guerras, mentres a política deixa de ter memoria, mentres o ser humano deixa de ter memoria e sensibilidade e atopamos á ultradereita facéndose con bastións que lle arrebatara a segunda guerra mundial.

Que acontecería se en troques de ser Palestina fose Alemaña, fose Francia, fose España o país agredido por Israel, chamariámoslle por fin terrorismo ou seguiríannos a dicir que é lexítima defensa?

E entre medias, abres un xornal e les que se investiron 363 millóns de euros no proxecto Hera, unha sonda europea para defender a Terra do impacto dun asteroide. Será que merecemos extinguirnos? Non o evitemos pois.

*Autoría imaxe principal: Hosny Salah

Presentación da comedia “𝗡𝗘𝗨𝗥𝗔, 𝗨𝗡𝗛𝗔 𝗖𝗢𝗠𝗘𝗗𝗜𝗔 𝗡𝗘𝗨𝗥Ó𝗧𝗜𝗖𝗢-𝗙𝗘𝗦𝗧𝗜𝗩𝗔”, de Ste Xeito Producións

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, De Ste Xeito Producións presentará a súa nova comedia “𝗡𝗘𝗨𝗥𝗔, 𝗨𝗡𝗛𝗔 𝗖𝗢𝗠𝗘𝗗𝗜𝗔 𝗡𝗘𝗨𝗥Ó𝗧𝗜𝗖𝗢-𝗙𝗘𝗦𝗧𝗜𝗩𝗔” por distintas cidades galegas. Por exemplo, a nosa xira pasará estos próximos tres meses polos auditorios e teatros de Ferrol, Santa Comba, Curtis, Cangas, Malpica, Ártika de Vigo, As Pontes, A Pobra do Caramiñal, Laracha, A Coruña, Mondariz Balneario e Cerdedo de Cotobade. Neura é unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectid@s. Adxuntamos dossier da peza e algunhas fotos da peza.  

Quedamos á súa disposición se necesita algunha aclaración ou se desexan realizar algunha entrevista a través do télf 660147486.

Info da xira de Neura Outubro 2024

Xoves 11 de Outubro, ás 21:30h, no Teatro Jofre do Concello de Ferrol. Entrada na Web de Ferrol.

Venres 11 de Outubro, ás 21:30h, no Auditorio do Edificio Multiusos de Santa Comba. Entradas disponibles en Entradium.com

Venres 18 de Outubro, ás 21:30h, no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro do Concello de Curtis. Entrada gratuita.

Sábado 19 de Outubro, ás 20:00h, no Auditorio Municipal de Cangas. Entradas disponibles en Ataquilla.com

Venres 25 de Outubro, ás 20:30h, no Auditorio do Centro Cívico de Malpica. Entrada gratuita.

Sábado 26 e Domingo 27 de Outubro, ás 20:00h, na Sala Ártika de Vigo. Entradas disponibles en Web Ártika.

….

Sinopse de Neura

NEURA é unha comedia que aborda o tema da saúde mental, iso si, con minúsculas. Os nosos protagonistas conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas.

Neura non é unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos.

Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Con todo, a evolución de cada un por separado, durante estes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias fai que se reencontren cunha versión actualizada da persoa á que coñeceron.

Situacións novas e sorprendentes que nos farán viaxar dun xeito hilarante a través do mundo dos trastornos e a saúde mental. Un camiño afastado de preconceptos caducos, que confronta con sinxeleza as múltiples alteracións da personalidade. Manías das que ninguén se libra, por moito que as ocultemos ou sexan tabú.