Nova convocatoria do IV Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO


NOVA CONVOCATORIA IV CERTAME DE CALIGRAMAS “CONSTANZA DE CASTRO”

Dende a Asociación Veciñal Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, e de acordo coa resolución adoptada polo xurado do certame en cuestión, informamos de que, debido a un erro informático alleo á organización e que afectou para a valoración das obras, se convoca de novo o devandito certame cun prazo ampliado ata o 31 de xaneiro do 2025, declarando desta maneira nulo o fallo emitido e procedendo a unha nova convocatoria. Dende a Asociación Veciñal Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino pedimos desculpas. A continuación adxúntanse as bases para a nova convocatoria.


BASES


Descargar BASES


Autorización para menores de idade

Descargar AUTORIZACIÓN

Alex Pernas publica o seu novo libro, PASPARTUE

Sairá á venda na madrugada do 1 de novembro, coincidindo coa noite de Samaín.

Tan só un ano despois da publicación do seu traballo anterior, De entre as tebras, o escritor independente Alex Pernas publica o seu cuarto traballo coincidindo coa noite de Samaín, momento a partir do cal poderá ser adquirido a través de Amazon, ao igual que as súas obras anteriores, estando xa dispoñible a pre-venda en formato dixital.

Despois de dous libros de relatos, volve con esta novela curta na que se presenta unha historia escura arredor de Paspartue, unha personaxe enigmática guiada pola obsesión e por unha maldición que semella perseguir a toda a súa estirpe.

Un relato atroz no que o renacer está inevitablemente ligado á repetición, e no que os propios froitos da maldición serán os que propicien que o pesadelo nunca teña fin.”

Durante os vindeiros meses, o autor realizará unha xira de presentación na que levará o libro a moitas das vilas e cidades galegas.

‘Vania x Vania (versión 1)’, de Teatro Kamikaze, escrita e dirixida por Pablo Remón, bota o pano da 33ª edición do FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro 2024 chega a súa fin este xoves, 31 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, coa estrea en Galicia desta peza 

A obra, que esgotou as entradas hai máis dun mes, está protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso

Con ela, Pablo Remón volve a ‘Tío Vania’, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e de desexos insatisfeitos e soños incumpridos

Antes da representación do espectáculo, os espectadores poderá asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30h, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura 


O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, bota o pano da súa  33ª edición este xoves, 31 de outubro, ás 21.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura, coa estrea en Galicia de Vania x Vania (versión 1), de Teatro Kamikaze. As entradas para a función están xa esgotadas.

Antes da representación do espectáculo, os espectadores poderá asistir a unha conversa co reparto nunha nova sesión da Escola do Espectador nas Ondas de Onda FIOT, guiada polo xornalista Pablo Giraldo, nunha entrevista aberta ao público que se gravará, tamén, en podcast, e que terá lugar mañá xoves, ás 18.30h, na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Carballo.

SOBRE O ESPECTÁCULO

Un campesiño ruso de finais do século XIX, namorado e profundamente infeliz. Pasou toda a súa vida coidando da finca que herdou e interpretando o papel que os demais decidiron para el ata que un día explota. Escápaselle o tempo. Todos viven nun verán eterno no que o tempo se disolve, inundados de aburrimento, de frustracións, de amor non correspondido.

O director Pablo Remón volve a Tío Vania, unha obra mestra da literatura e do teatro, para falarnos da familia, das relacións e, sobre todo, de desexos insatisfeitos e soños incumpridos. Quen es?, Como elixes vivir a túa vida? É a túa vida unha comedia ou unha traxedia? 

Vania x Vania (versión 1) forma parte do ambicioso e interesante proxecto Vania x Vania, composto por dúas obras interpretadas polos mesmos actores. Dous camiños diferentes ao mesmo texto de Chéjov, reescritos en estilos completamente distintos polo Premio Nacional de Literatura Dramática 2021 Pablo Remón. 

Un escenario baleiro e seis cadeiras. Esta ‘versión 1’ é un Chéjov espido, esencial. Un achegamento minimalista ao texto e á interpretación, a cargo dun reparto de auténtico luxo, con seis extraordinarios actores encabezados por Javier Cámara, recoñecido coa Medalla ao Mérito nas Belas Artes, ademais de numerosos premios. Xunto a el, completan o reparto uns exquisitos Israel Elejalde, Marta Nieto, Marina Salas, Juan Codina e Manuela Paso.

AXENDA DO #FIOT33 

XOVES 31 DE OUTUBRO

Programa de Sala

Vaia x Vania (versión 1)

Teatro Kamikaze

21.00h no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo 

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. 

Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.


O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. 

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 


Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información do FIOT33.

CONTACTO DE PRENSA FIOT

Luisa Castiñeira I Tel. 620 113 155

Lucía Pita I Tel. 675 404 321

comunicacion@fiot.gal 

SALA DE PRENSA #FIOT33

https://cutt.ly/FIOT33

MÁIS INFORMACIÓN 

IRMAUS DA RAIA SECA en concerto na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 2 de novembro, ás 20 h, na Casa-Museo Manuel María, poderemos escoitar os Irmaus da Raia Seca. Os irmáns Pascual (Pedro: bouzouki e Pablo: clarinete baixo) e Álvarez (Gutier: violín e zanfona e Javier: acordeón diatónico) concorren nun proxecto cunha instrumentación ben interesante e un repertorio xenuíno en volta dos territorios limítrofes ou arraianos de Galiza.

Músicos, estes que tocaron e tocan con Marful, Talabarte, Davide Salvado, Zumaque, Comando Curuxás, Xabier Díaz, Xascariz…, e que obteñen das súas raíces e diásporas un sentimento compartido “o que a muitxs lles parece lonxe e distante, para nós nunca deixou de estar cerca”. Úneos un forte magnetismo con esas identidades culturais e reivindícanas musicalmente como parte do seu maxín. A Raia Seca son músicas que nacen do chan cando este resoa co bailar. Son melodías vivas que seguen a ter instinto propio. Son ritmos xa feitos ritual, telúricos, abocados ao transe.
Para asistir ao concerto na Casa-Museo Manuel María (en Outeiro de Rei) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete: 5 euros.

Nace o Encontro de Música Aberta da Fundación Paideia Galiza, que celebrará a súa primeira edición na Coruña o día 6 de novembro

O EMA é unha nova iniciativa que nace co apoio da Xunta de Galicia para sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada profesional e lúdica aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking

O I Encontro de Música Aberta (EMA) terá lugar este mércores, 6 de novembro, de 07.00 a 14.00h, nos Estudios Mans da Coruña (Polígono de Pocomaco – Quinta Avenida, 91), baixo o lema “Estamos en sintonía”

No programa participarán o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado

O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo

Antes, para darlle o pistoletazo de saída á iniciativa, de 07.00 a 09.00h, terá lugar a retransmisión en aberto, con público en directo, do programa de referencia de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente 

O acceso a este novo Encontro de Música Aberta (EMA) é libre, con inscrición previa a través da plataforma https://www.paideia.es/encontro-musica-aberta/


“Estamos en sintonía”. Así chega o I Encontro de Música Aberta a Galicia este mes de novembro: coa idea de sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking. Deste xeito, esta nova iniciativa da Fundación Paideia coa colaboración da Xunta de Galicia terá lugar o próximo mércores, 6 de novembro, de 07.00 a 14.00h, nos Estudios Mans da Coruña (Polígono de Pocomaco – Quinta Avenida, 91). O acceso a este I Encontro de Música Aberta (EMA) é libre ata completar a capacidade do espazo, con inscrición previa a través da plataforma https://www.paideia.es/encontro-musica-aberta/.

No programa participarán o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado. O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo, xunto aos artistas Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.

Antes, para darlle o pistoletazo de saída á iniciativa, de 07.00 a 09.00h, terá lugar a retransmisión en aberto, con público en directo, do programa de referencia de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente.

PROGRAMA I ENCONTRO DE MÚSICA ABERTA DE FUNDACIÓN PAIDEIA

7.00 a 9.00h. Retransmisión en directo de Hoy empieza todo, de Radio 3, con Irene Valiente.

9.00 a 9.30h. Café.

9.30 a 10.45h. Abraham Cupeiro: Resoando no pasado.

10.45 a 11.30h. Abraham Cupeiro Masterclass de construción de instrumentos.

11.30 a 12.00h. Café.

12.00 a 12.30h. Showcase comentado de Soleado.

12.45 a 13.50h. Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo: Diálogo creativo coa moderadora Laura Iturralde e a participación de Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.

13.50 a 14.00h. Peche institucional.


SOBRE O I ENCONTRO DE MÚSICA ABERTA (EMA) DE FUNDACIÓN PAIDEIA

O I Encontro de Música Aberta de Fundación Paideia nace co obxectivo de impulsar a profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia e de promover o talento musical emerxente do noso territorio, ademais de apoiar o potencial dos e das profesionais como axentes de transformación social. O EMA busca, tamén, favorecer a participación e a expresión das novas figuras do sector, mellorando os seus coñecementos profesionais e sobre a industria musical da nosa contorna e promovendo as oportunidades de diálogo de artistas noveis con axentes, promotores e outros perfís profesionais relevantes da nosa industria.

O desenvolvemento e a innovación no sector da música emerxente en Galicia é un dos principais valores da Fundación Paideia, feito que impulsa a creación deste I Encontro de Música Aberta (EMA), que reúne a figuras punteiras e recoñecidas da industria musical, nunha aposta polo coñecemento, o intercambio, o debate, o encontro e a reflexión, poñendo o foco dun xeito lúdico e atractivo nas novas tendencias do sector. O EMA está aberto a todos os públicos, profesionais emerxentes ou consolidados, curiosos e amantes da música ao vivo, que busquen descubrir ou profesionalizar os seus proxectos musicais a través de ferramentas como a formación, o debate e o contacto cos principais axentes da industria na actualidade. 

O EMA xorde, tamén, co desexo de poñer en contacto aos distintos actores e actrices da industria musical galega, coa fin de facer visible o seu labor como motores do sector. E busca, ademais, crear as condicións necesarias para que os proxectos musicais emerxentes teñan unha maior capacidade de profesionalización, así como os recursos necesarios para a posta en valor do seu talento e potencial, conseguindo maior visibilidade e presenza no mercado.

SOBRE ABRAHAM CUPEIRO

Construtor e multiinstrumentista, o que caracteriza a Abraham Cupeiro é a recuperación de instrumentos perdidos no tempo, que el emprega para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles. Abraham Cupeiro no é soamente un músico, é un verdadeiro mestre dos instrumentos, desde o corno de caza ata a zanfona, pasando polo carnyx, instrumento ancestral que Abraham reviviu nos seus concertos. A súa carreira levouno a colaborar con orquestras e artistas de renome internacional, sempre deixando unha pegada única coa súa habilidades para combinar tradición e modernidade. Desde os escenarios máis prestixiosos ata os recunchos máis recónditos, este artista único compartiu o seu pola música con audiencias de todas partes, creando experiencias sonoras inesquecibles.

Resoando no pasado é unha viaxe pola historia da humanidade a través dos instrumentos. Abraham Cupeiro guíanos neste percorrido da man da súa enorme colección de instrumentos milenarios. E faino con moito amor e coa pedagoxía de quen coñece os instrumentos por dentro e por fóra como ningún outro. Porque el mesmo foi quen creou algún dos seus propios instrumentos, como o carnyx ou o cornu, reconstruídos a partir de exemplares encontrados en Pompeya. Resoando no pasado non é un concerto nin tampouco un monólogo, pero Cupeiro combina aquí elementos de músico e contador de historias, nun espectáculo fascinante no que descubrir un pouco máis do ser humano a través das músicas creadas ao longo dos séculos.

Pola súa banda, o obradoiro de creación de instrumentos de Abraham Cupeiro é o sitio no que o público poderá experimentar xunto ao artista na recreación de instrumentos do pasado, xerando, incluso, novos instrumentos que sorprenden polas súas capacidades melódicas e a súa sonoridade. Este obradoiro é, sen dúbida, o proxecto máis coidado polo creador. 

SOBRE SOLEADO

Soleado é o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez. O seu novo sinxelo, Los amores perros, emprega unha linguaxe como de canción de verbena, metáforas moi relacionadas co romanceiro e a canción popular (a reixa, o pano, a romaría, o pan e o viño…) que contrastan cun retrouso pop e unha base electrónica. O tema, producido unha vez máis por Pau Paredes, conta coa colaboración das pandereteiras-cantareiras Lilaina (Aliboria).

SOBRE SHOW MUST GO ON!: DA TEORÍA Á PRÁCTICA DOS ESPECTÁCULOS EN VIVO

Este diálogo creativo é un espazo para descubrir a arte do espectáculo a través da experiencia dos seus protagonistas. Dende a creatividade ata a execución, esta actividade moderada por Laura Iturralde invita ao público a formar parte do diálogo e da exploración dos retos e acertos dos eventos en directo, cunha sesión práctica e unha mesa redonda aberta a preguntas e ideas. 

Laura Iturralde dedícase á plástica escénica desde 2015, especializándose na dirección de arte para espectáculos en vivo. A súa proposta artística transforma espazos a través da luz, creando atmosferas que enriquecen a narrativa dos proxectos. Colaborou con artistas ou entidades como Mercedes Peón, Brigitte Vasallo, Guadi Galego, Tanxugueiras, David Amor e os Centros Dramáticos Galego e Nacional. Nos últimos anos foi merecedora de seis premios María Casares, destacando a mellor escenografía en 2018 e a mellor iluminación en diversas ocasións, así como o premio nacional Rogelio de Egusquiza en 2021, no que acumula un total de dez nomeamentos nos últimos seis anos.

SOBRE A FUNDACIÓN PAIDEIA

Desde a súa creación en 1986, a Fundación Paideia Galiza ten apostado por converterse en referente na profesionalización e empregabilidade de persoas e sectores vulnerables. Na actualidade, a Fundación Paideia Galiza centra a súa actividade no desenvolvemento de cinco áreas de traballo: emprendemento, formación e divulgación, discapacidade e emprego, mocidade e mobilidade e desenvolvemento territorial.

Dentro da área de emprendemento, vense prestando especial atención á industria musical, ofertando posibilidades de formación, gravación e promoción a bandas e solistas emerxentes galegas e galegos, encamiñadas á profesionalización da súa actividade. Para a consecución deste obxectivo, a Fundación Paideia Galiza organiza, de forma continuada, programas de formación en emprendemento musical, xornadas de divulgación, cursos, masterclass, actividades de titorización e mentoría, residencias artísticas, concursos e certames, que conforman un corpo de accións dedicadas á profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia.

Desde o ano 2017, Fundación Paideia Galiza e a Axencia Galega de Industrias Culturais veñen colaborando na procura e definición dunha política cultural innovadora para a industria musical emerxente, tanto en formas como en contidos, mediante o desenvolvemento de ciclos de xornadas profesionais e outras plataformas para a promoción e difusión de proxectos musicais emerxentes.

MÁIS INFORMACIÓN