Presentación do libro FRAGOR DO URDIDO, de Eva Veiga e Francisco X. Fernández Naval, na Casa da Cultura de Vilalba
Este venres, 20 de setembro, ás 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba celebrarase a presentación da obra Fragor do urdido, da poeta Eva Veiga e do tamén poeta e narrador Francisco X. Fernández Naval. A edición da obra correu a cargo de Belagua Ediciones y Comunicación.
Na presentación, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello de Vilalba e a web Culturalia GZ, acompañarán aos autores da obra, a Concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez López, e o Administrador de Culturalia GZ, Martiño Maseda.
A eumesa Eva Veiga é unha das voces salientables dentro do panorama poético galego. Leva publicados unha ducia de poemarios, entre eles A luz e as súas cicatrices (2006), A distancia do tambor (2014, Premio Fiz Vergara Vilariño e premio Poesía da AELG), Soño e vértice (2016, premio Poesía Concello de Carral e premio da Critica Española en galego). Canda os músicos Bernardo Martínez e Fito Ares e o pintor Alfonso Costa forma o Grupo Ouriol. Sen esquecer as súas colaboracións como actriz e guionista coa cineasta Margarita Ledo Andión.
O ourensán Francisco X. Fernández Naval, poeta e narrador, coincide coa súa compañeira de autoría en FRAGOR DO URDIDO no número de libros de poesía publicados en distintos lugares da orbe (Galicia, París, México ou Nova York, salientando títulos coma Mar de Lira (2005, 2023), Miño (2007, premio Poesía Cidade de Ourense), Bater de sombras (2010, premio Fiz Vergara Vilariño), Nova York: ceo e mazá (2007, edición trilingüe). A súa obra poética está traducida a outras linguas.
Sobre a obra Fragor do urdido, que este venres se presenta na capitalidade chairega, recollendo palabras incluídas no seu prólogo, dicir que é unha intervención poética sobre un tempo confinado, o da pandemia por Covid-19. A poesía como exercicio creativo que é movemento de apertura e liberación. (…) O resultado é un conxunto de cincuenta poemas sen ningunha marca de autoría de modo que a particular subxectividade, tan propia do xénero poético, perde importancia a prol desa voz colectiva ou fonte común da que, ao cabo, emerxe toda obra artística.
*Imaxes tomadas da internet