Camiño Escena Norte inicia a súa andaina con dúas funcións gratuítas de teatro e novo circo en Santiago e Foz

Adrián Conde abrirá o programa o venres 13 na praza compostelá de Praterías con Check Out, unha comedia visual inspirada no cine mudo coa que gañou o Premio Fetén 2024 a Mellor Intérprete e o Premio Oh! das artes escénicas de Asturias ao Mellor Espectáculo para a Infancia

Foz estréase este domingo 15 como sede do CEN para acoller na praza Conde de Fontao a función de novo circo By ò Bu. Aproximación al no existir, das compañías navarras Yarleku e El Punto Gunea 

O encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar do 17 ao 19 de setembro no centro O Vello Cárcere de Lugo, mantén aberto o prazo de inscrición até o día 13 a través de www.escenanorte.com

A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, iniciará esta fin de semana a súa andaina polo territorio galego da man do Ciclo Constelacións, a programación itinerante de corte xeneralista que conforman 15 propostas diferentes. Este venres 13, ás 19.00 horas, a praza compostelá de Praterías acollerá o espectáculo inaugural Check Out, do asturiano Adrián Conde, unha proposta dirixida a público de todas as idades, especialmente o infantil. En caso de choiva, a función -prevista inicialmente para a praza da Quintana-, terá lugar no Salón Teatro. Nos dous casos, o acceso será de balde ata completar capacidade.

Check out é unha das propostas máis premiadas este ano en Asturias. Adrián Conde foi galardoado co Premio Fetén ao Mellor Intérprete e tamén recibiu o Premio Oh! Das artes escénicas asturianas ao Mellor Espectáculo Infantil. Trátatse dunha comedia visual inspirada no cine mudo e na que o protagonista, Eugenio, é un mozo de servizo dun hotel que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente.

Dous días despois, o domingo 15, terá lugar a estrea de Foz como sede do Camiño Escena Norte, que este ano chega, na súa edición máis expansiva, a 13 localidades do país. As compañías navarras Yarleku e El punto Gunea aterrarán na Mariña luguesa para presentar By ò Bu. Aproximación al no existir, un espectáculo  de novo circo dirixido a publico adolescente e adulto e que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser, que aborda no diálogo a posibilidade de deixar de existir. A función, que se representará na Praza Conde do Fontao – se chove trasladarase á sala Bahía-, comezará ás 21.00 horas e tamén será de acceso libre ata completar capacidade. 


Habitación Peregrina PRO pechará o venres 13 o prazo de inscrición

A sexta edición de Camiño Escena Norte traerá novamente a Galicia a celebración do encontro escénico profesional Habitación Peregrina PRO, o espazo de convivencia onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional. 

Habitación Peregrina PRO celebrarase do 17 ao 19 de setembro no centro O Vello Cárcere, de Lugo, e, nesta ocasión, ábrese a participación ás compañías e axentes do sector profesional dos demais territorios do Estado, á fin de favorecer unha maior conexión cultural interterritorial. Durante as tres xornadas, abordaranse cuestións como a inclusión e accesibilidade a partir dun taller de teatro accesible impartido por Chévere, o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible ou mesmo cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. 

Ademais, tamén por vez primeira en Habitación Peregrina PRO, haberá novos espazos de convivencia en horario nocturno, que servirán para que as e os participantes descubran a gastronomía local ou mesmo coincidan nunha “pista de baile”  grazas á actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!, que contará coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.



AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | DO 13 AO 15 DE SETEMBRO DE 2024


13.09, ás 19.00 horas | Santiago de Compostela 
Praza de Praterías
 (en caso de choiva, será no Salón Teatro)
Check Out, de Adrián Conde Espectáculos (AST)
Teatro. Público infantil e familiar. 
Entrada libre ata completar capacidade.

A vida de Eugenio transcorre no vestíbulo dun hotel, entre maletas soña con deixarlle aos fillos un futuro mellor. Un mozo de servizo diferente que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente. Unha historia que convida a reflexionar sobre a importancia da familia e sobre a que lle dedicamos o tempo.

15.09, ás 21.00 horas Foz
Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, será na Sala Bahía)
By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV)
Novo circo. Público adolescente e adulto. 
Entrada libre ata completar capacidade.

Un espectáculo como unha boa escusa para falar de algo tan real como é o necesitar, nalgún momento dunha vida, durmir para sempre. By ò bu. Aproximación al no existir é un espectáculo que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser. Este diálogo enmárcase nun espazo que ben podería ser a súa propia cabeza, chea de equilibrios e portas ás súas reflexións. Unha conversa sobre a súa existencia e a opción de deixar de existir.

2024.09.10-Comeza-CEN-en-Santiago-e-Foz