Actos da Cultura Chairega-Homenaxe a Manuel María no XX Cabodano

Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os ACTOS DA CULTURA CHAIREGA, en homenaxe a MANUEL MARÍA, coincidindo neste 2024 co seu XX CABODANO.

PROGRAMA

·       DOMINGO 8 DE SETEMBRO – ÁS 13:30 HORAS

NO ESPAZO MANUEL MARÍA (Entrada de balde).

Terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego.

·       SÁBADO 14 DE SETEMBRO – ÁS 20:00 HORAS

NO AUDITORIO MUNICIPAL (Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba).

Terá lugar lugar o concerto de BRANCA VILLARES.

NOTA_INFORMATIVA_CULTURA-CHAIREGA24

O Vello Cárcere de Lugo acolle este venres a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ do artista Lucas Damiani

No marco das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador uruguaio está a traballar na cidade amurallada, desde o pasado 26 de agosto, na súa proposta Hydra

Hydra é un proxecto que aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións

Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Damiani ofrecerá este venres, 6 de setembro, ás 20.00h, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Vello Cércere,  con acceso libre

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O pasado 26 de agosto, o artista Lucas Damiani iniciaba en Lugo a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía no Vello Cárcere, en torno ao seu proxecto Hydra, que aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.

Agora, mañá venres, 6 de setembro, ás 20.00h, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

SOBRE O PROXECTO

Hydra é un proceso de investigación en relación á auga e o seu cambio de estado como punto de partida para xerar preguntas sobre a transformación, os límites, e a intimidade. O espazo desprégase a partir dunha escultura inicial e o seu inevitable desmoronamento, emerxendo en escena entidades e criaturas, que coma ficcións posthumanistas, se (con)funden nunha paisaxe líquida, viva e en constante mutación, propoñendo seres mitolóxicos contemporáneos en continua metamorfose. 

O proxecto Hydra aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.

SOBRE O ARTISTA

Lucas Damiani é un artista uruguaio afincado en Lisboa e Berlín, que traballa nas interseccións entre as artes escénicas e visuais, con formación en fotografía, psicoloxía, danza contemporánea e performance.

No ámbito da danza, estudou e formouse con diversos artistas, entre eles Mónica Valenciano (ES), Lucas Condró (AR), Maya M. Carroll (IL), João Fiadeiro (PT), Faye Driscoll (USA) e Diana Niepce (PT), entre outros. Completou o curso intensivo SNDO (Ámsterdam, 2018) e o programa anual de formación TanzIntensive de Tanzfabrik Berlin (2019-2020).

Damiani traballou con varios artistas, entre eles Guillermo Weickert – Tocar Con-Mover (SURGE Madrid 2019), Lee Mingwei – Our Labyrinth (Martin-Gropius-Bau, Berlín 2020), João Fiadeiro – R|EXISTÊNCIA (Teatro do Bairro Alto, Lisboa 2021), Marcelo Evelin – Barricada & Batucada (Transborda, Almada 2022 e 2023), e Sofia Dias & Vítor Roriz (novo proxecto, en creación), entre outros. Tamén colaborou con Noumissa Sidibé (FR) na creación de instalacións performativas, como While There Is Still Room (Berlín, 2020). Lucas formou parte do programa PACAP na quinta e sexta edición (Forum Dança, Lisboa).

O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.colectivorpm.gal/

2024.09.05.-NP-mostra-Residencia-Paraiso-Lucas-Damiani-Lugo