Avelino González, elixido Xograr de Outono do FIOT este 2024

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase en outubro durante a celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo 

O xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”

O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios   

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2024 o premio Xograr de Outono a Avelino González. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”. Como o propio artista indica “son actor, contador, monologuista, tradutor; son… o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.

O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto  no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”. 

Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023. 

SOBRE AVELINO GONZÁLEZ

“A primeiros dos anos 80 do século pasado suspendín a proba de selectividade e as alternativas que había eran mergullarme na movida viguesa ou facer teatro cuns veciños. E ata agora. 

Comecei cargando escenografías e fixen teatro, dobraxe, cine, televisión, contos, captura de movementos, animación de rúa…, de todo. E todo bonito de facer.

Traducín os Picapedra ao galego naquelas primeiras dobraxes con Cándido Pazó; fun o primeiro en España en andar en moto en zancos (non sei se tamén en bici); actuei nas series de televisión As Leis de Celavella e Padre Casares; Contei contos en Polonia e en Cuba; fun dirixido por Cándido Pazó, Roberto Vidal Bolaño, Sante Cortegoso…; traballei con TalíaTteatro e Coperactiva; Fun un dos que fundamos OllomolTranvía e actuei en Commedia, un xoguete para Goldoni; Traducín teatro irlandés! 

Ata agora.

Agora conto contos; actúo con Toni Salgado no Apaga o candil de Contraproducións, que escribiu e dirixiu Cándido Pazó; fago castings…

E de agora en diante: a seguir facendo teatro, castings e series, contando contos, mirando teatro… seguir neste oficio do que me gusta todo. Mesmo picar entradas”. 

Más información: www.avelinogonzalez.gal

2024.08.20.NP-Xograr-de-Outono-FIOT-2024

Andrea Fernández Maneiro gaña a 50ª edición do Certame Literario do Concello de Vilaba coa obra ‘Meridiano Orixe’

Andrea Fernández Maneiro gaña a 50ª edición do Certame Literario do Concello de Vilalba coa obra Meridiano Orixe

Baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Tamara Rodriguez e actuando como Secretaria a Técnico de Cultura, Sonia García Paredes, o xurado integrado pola escritora vilalbesa Cecilia Fernández Santomé; Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia, Xulio Xiz, xornalista; e Fidel Fernán, director do grupo de Radio Principal.

ACTA DO XURADO

Andrea Fdez. Maneiro, nada en Carril-Vilagarcía de Arousa (10/2/64) é locutora de radio “de vocación e profesión”. Traballou na Cadena Ser, na Radio Galega e en varias emisoras municipais, mais agora só exerce moi de cando en vez e padece do mono das ondas de xeito persistente, despois de máis de quince anos de deixalo.

Ela mesma chega a afirmar que o seu hábitat natural é a poesía, en letra e imaxe; aínda que ás veces déixase levar pola atracción narrativa do microrrelato.

OBRA

É autora dunha variada obra literaria entre a que podemos destacar títulos como:

Migratoria, Medulia Editorial (2020), Edénicas (Editorial Caldeirón), Contra-Tempos (Editorial Tristam), Voto de silencio (Medulia Editorial), Tango de xiro e traspé, poema incuído no libro colectivo Oroza 100, Asociación Cultural Évame Oroza. Ademais de colaboracións en diversas revistas dixitais.

PREMIOS

A traxectoria literaria de Andrea Fernández Maneiro tamén se ve refrendada polos premios literarios acadados. Velaí unha relación dos mesmos:

• Finalista co poemario “Álxia” no I Certame de poesía Florencio Delgado Gurriarán, 2018.

• Finalista do premio de microrrelatos das Mulleres Progresistas de Vigo, 2019

• Finalista co poemario “Migratoria” do VIII Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro

• 2º premio de microrrelatos de Mulleres Progresistas de Vigo, 2020

• 2º premio Vilariñas, 2020

• 1º premio co libro Inventario dun adeus. Expiatoria, da IX edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, 2020.

• 1º premio, co poemario Contra-Tempos, do V Certame de Poesía Torre de Caldaloba, 2021

• 1º premio do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, co poemario Edénicas.

• 1º premio co libro Voto de Silencio do IV premio de poesía Eduardo Pondal

A cerimonia de entrega do premio deste 50º Certame Literario do Concello de Vilalba terá lugar o vindeiro 30 de agosto no Auditorio Municipal de Vilalba, coincidindo cos actos principais das festas patronais da vila chairega.

*Imaxes da autora: Arquivo fotoográfico da AELG, autoría Distrito Xermar, 2022