por martinho | Ago 7, 2024 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
O Liceo de Noia acollerá desde as 10.30 horas o III Encontro das Escolas de Arpa de Galicia, que contará coa participación do alumnado de cinco centros,e que culminará cun concerto colectivo a partir das 13.30 horas
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia ofrecerá, até o sábado 10 de agosto, diversos concertos de música clásica, folk, experimental e jazz en seis escenarios diferentes da localidade coruñesa
O coñecido como Noia Harp Fest, o único evento do noroeste peninsular dedicado á interpretación musical a través da arpa, comeza este xoves, 8 de agosto, a súa 11ª edición. O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, coa celebración do Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta coa que o festival procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país, e que nesta ocasión proceden da ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), da Barreiro Arpa Escola (Vigo) e do Conservatorio de Torroso (Mos).
Así, un total de 23 nenas e nenos de distintas localidades galegas ensaiarán e compartirán os seus coñecementos, acompañados por membros da Asociación Noia Harp Fest, desde as 10.30 horas da mañá no Liceo de Noia. As probas culminarán nun concerto colectivo que terá lugar este xoves, 8 de agosto, ás 13.00 horas, no mesmo Liceo e, como peche do recital, as e os estudantes interpretarán un tema en común. O acceso á dita actuación será de balde para o público.
Xa en horario de tarde, as dúas ducias de estudantes de arpa de Galicia que participarán neste III Encontro poderán gozar dunha sesión de navegación en embarcacións tradicionais e convivencia náutica pola Ría de Muros-Noia, tamén coñecida como Ría da Estrela, en colaboración coas asociacións Balandro Joaquín Vieta e Terra de Outes.
Finalmente, a xornada inaugural deste 11º Festival Internacional de Arpa Vila de Noia pecharase ás 20.00 horas cunha Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, que se celebra por vez primeira a ceo aberto na Rúa do Curro -que se estrea, á vez, como sede do evento-. Na folía participarán Iván García, Nuria de León co seu grupo e arpistas de SonDeSeu; e o baile final chegará da man da banda do NHF.
NOIA HARP FEST
O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística.
O Noia Harp Fest, codirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas, solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal.
AXENDA NHF | 8 DE AGOSTO
10.30h – Liceo de Noia | Inicio do III Encontro das Escolas de Arpa de Galicia.
13.30h – Liceo de Noia | Concerto colectivo do alumnado das Escolas de Arpa de Galicia.
20.00h – Rúa do Curro | Foliada de benvida ao 11º Noia Harp Fest.
20240807-NHF-Axenda-xoves-8
por martinho | Ago 7, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
Viñetas Ñam! é unha nova iniciativa no marco da celebración da 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival
A Cervezoteca Malte preparará dúas receitas para a ocasión, inspiradas no ‘Corto Maltés’, todo un mito literario do século XX creado polo historietista italiano Hugo Pratt: ‘Pastizzi’, un dos pratos máis típicos da gastronomía de Malta, en Malte Atochas; e ‘Kokoda’, polo primeiro título da serie, Balada do mar salgado, en Malte Galera
Mentres, na praza de España, a Pulpeira de Melide ofrecerá as ‘Irmás Gilda’: unha banderilla de vieira mariñada e encurtidos, aderezada cunha vinagreta de algas, en recordo das populares Leovigilda e Hermenegilda, do autor español Vázquez
‘13, Rue del Percebe’ será a historieta na que se inspirará La Marina by María para idear a súa primeira proposta gastronómica, un orixinal paté de percebe, en honor a Francisco Ibáñez; como segunda opción, o local da ruela da Estacada homenaxeará a Marvel para propoñer o seu particular ‘Doutor Octopus’, que a propia María presenta así: “Spider-Man vence ao seu antagonista e déixao feito un auténtico paté de mar”
Pola súa banda, a tradicional Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico, situada nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, contará cun stand gastronómico, LOBO, no que o público poderá degustar diferentes bocadillos inspirados en afamadas historietas e unha selección de hamburguesas gourmet dedicadas a personaxes do cómic americano (entre elas, unha en homenaxe a Lobo, o antiheroe creado por Roger Slifer e Keith Giffen para DC Cómics), ademais de cafés e bebidas, en horario de 11.00 a 21.30 horas
A hostalería coruñesa preparará pratos en homenaxe ao mundo do cómic durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. Viñetas Ñam! é unha nova —e innovadora— iniciativa no marco da celebración da 27ª edición deste Salón Internacional do Cómic da Coruña: un minifestival gastronómico que se desenvolverá do 12 ao 18 de agosto en diferentes locais da cidade, con propostas gastronómicas que farán as delicias dos fans da BD que buscan unha experiencia completa durante o festival.
A Cervezoteca Malte preparará dúas receitas para a ocasión, inspiradas no ‘Corto Maltés’, todo un mito literario do século XX creado polo historietista italiano Hugo Pratt: ‘Pastizzi’, un dos pratos máis típicos da gastronomía de Malta, en Malte Atochas; e ‘Kokoda’, polo primeiro título da serie, Balada do mar salgado, en Malte Galera.
Mentres, na praza de España, a Pulpeira de Melide ofrecerá as ‘Irmás Gilda’: unha banderilla de vieira mariñada e encurtidos, aderezada cunha vinagreta de algas, en recordo das populares Leovigilda e Hermenegilda, do autor español Vázquez. Finalmente, ‘13, Rue del Percebe’ será a historieta na que se inspirará La Marina by María para idear a súa primeira proposta gastronómica, un orixinal paté de percebe, en honor a Francisco Ibáñez; como segunda opción, o local da ruela da Estacada homenaxeará a Marvel para propoñer o seu particular ‘Doutor Octopus’, que a propia María presenta así: “Spider-Man vence ao seu antagonista e déixao feito un auténtico paté de mar”.
Pola súa banda, a tradicional Rúa da BD de Viñetas desde o Atlántico, situada nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, contará cun stand gastronómico, LOBO, no que o público poderá degustar diferentes bocadillos inspirados en afamadas historietas e unha selección de hamburguesas gourmet dedicadas a personaxes do cómic americano (entre elas, unha en homenaxe a Lobo, o antiheroe creado por Roger Slifer e Keith Giffen para DC Cómics), ademais de cafés e bebidas, en horario de 11.00 a 21.30 horas.
VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA
Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.
Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.
Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.
Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.
Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves. Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.
MÁIS INFORMACIÓN
https://www.vinetasdesdeoatlantico.com
2024.08.06.NP-Vinetas-Nam