No marco da oitava edición das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora, bailarina, intérprete e pedagoga está a traballar en Compostela desde o pasado 15 de xullo no seu proxecto ‘No necesito un nombre para ser mascota’, coa saúde mental como foco de atención
Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Ana Cotoré ofrecerá este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, con entrada libre, unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Salón Teatro do Centro Dramático Galego
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado 15 de xullo, a artista Ana Cotoré iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en torno á proposta da creadora que ten por título No necesito un nombre para ser mascota, unha investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza, que parte dunha experiencia autobiográfica para poñer o foco de atención na problemática da saúde mental.
Agora, este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, Ana Cotoré ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
SOBRE O PROXECTO
No necesito un nombre para ser mascota é un proxecto no que Ana Cotoré aborda os conceptos de domesticación e cansazo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención. Esta investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza vén acompañada do iluminador Victor Longás e conta coa mirada externa de Álvaro Murillo.
No necesito un nombre para ser mascota parte dunha experiencia autobiográfica para desenvolver unha proposta escénica na que conectar con todo aquilo que nos fai reestruturarnos cando algo externo irrompe e provócanos un derrubamento vital.
SOBRE A ARTISTA
Ana Cotoré é bailarina, intérprete, creadora e pedagoga nada en Zaragoza. É licenciada en Psicología e graduada en Educación Social, disciplinas que influíron profundamente na súa investigación do movemento e na súa traxectoria artística.
Como bailarina, actriz e intérprete, actualmente traballa en Madrid con Marina Otero na obra Kill Me, e participou no elenco da Compañía Matarile Teatro nas obras Daimon y la jodida lógica e en Inloca. Desde 2017 traballa coa Compagnia Movimento Danza de Gabriella Stazio (Nápoles, Italia). Participou, tamén, en diferentes proxectos de danza-teatro, un deles coa compañía Connecting Fingers Company. Cotoré adoita colaborar na creación e supervisión coreográfica para traballos doutros profesionais das artes escénicas e recentemente traballou como coreógrafa e na película documental When I Dance (Berlín, Alemaña).
Como autora e creadora das súas propias pezas participou en diferentes festivais en España e no estranxeiro coas pezas Réquiem por un cuerpo I, Réquiem por un cuerpo II, Takotsubo e Stage Diving, entre outras, tanto en salas como en espazos non convencionais.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
Un total 73 autoras e autores firmarán exemplares das súas obras do 12 ao 18 de agosto na Rúa da BD, que un ano máis regresa aos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña
Durante unha semana, 36 expositores especializados en banda deseñada achegarán as súas novidades editoriais ao Salón Internacional do Cómic da Coruña; serán 23 editoriais (entre elas, por primeira vez, unha de Portugal), 10 librarías, 2 asociacións profesionais —AGPI e Autobán— e as Bibliotecas Municipais da Coruña
A Rúa da BD propón, ademais, un completo programa de actividades para públicos de todas as idades, con 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos: a obra teatral de Pedras de Cartón Moby Dick e un concerto de Chuches Amil
Paralelamente, desde este venres, 2 de agosto, os profesionais poden realizar a súa inscrición nas actividades de Viñetas Pro, mentres que as inscricións para Viñetas Mini activaranse a partir deste luns, 5 de agosto, a través das Bibliotecas Municipais da Coruña
A cara comercial de Viñetas desde o Atlántico 2024, a xa clásica Rúa da BD, reunirá durante unha semana, do 12 ao 18 de agosto, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, as firmas máis destacadas do sector da banda deseñada a nivel galego, estatal e internacional. Deste xeito, figuras de renome como Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Miguel Fernández, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín, entre moitas outras, visitarán a cidade herculina para participar no Viñetas, coñecer aos seus seguidores e firmar exemplares das súas obras.
Nesta 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, a Rúa da BD mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio español. Entre as novidades, cómpre destacar que este ano se abre, tamén, unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.
Viñetas desde o Atlántico quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o estado español, cun total de 36 expositores: 23 editoriais (entre elas, por primeira vez, unha de Portugal), 10 librarías, 2 asociacións profesionais —AGPI e Autobán— e as Bibliotecas Municipais da Coruña.
No programa da Rúa da BD haberá firmas con cun total de 73 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.
Na Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario do nacemento de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público. Artur Laperla, autor de Superpataca, impartirá un obradoiro infantil na Rúa da BD, que, como avanzabamos, contará, tamén, coa presenza de autores e autoras como Jordi Bayarri, Miguel Robledo, Fran Jaraba, David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Xulia Pisón, Víctor Pinel, Martín Romero, Alicia Jaraba etc.
Deste xeito, neste 2024, a Rúa da BD será un punto de encontro para toda a sociedade, non só como a cara comercial de Viñetas, senón como un espazo para xerar sinerxías e favorecer a relación entre autores e editores cun completo programa de actividades específicas.
EDITORAS E LIBRARÍAS PRESENTES NOS EXPOSITORES DA RÚA DA BD EN 2024
Bibliotecas Municipais da Coruña, El Baúl de los Recuerdos, Norma Editorial, GP Ediciones, Komic Librería, Ediciones La Cúpula, Libraría Paz, Astiberri Ediciones, Demo Editorial, Alita Cómics, Penguin Random House, Garbuix Books, Chili Com Carne, cARTEm Cómics, A Gata Tola, Bang & Mamut Cómics, Autobán, Fiandón. Libros de vello, Anillo de Sirio, Dolmen Editorial, Nuevo Nueve, Fandogamia Editorial, Aleta Ediciones & Desfiladero Ediciones, Unrated Comics, Grafito Editorial, Metropolis Comics A Coruña, Spaceman Project, Cascaborra Ediciones, Astora Cómics, Eldritch Gate, Cósmica | Serendipia, Ponent Mon, Yermo Ediciones, Galgo Azul, Tengu Ediciones e AGPI.
AUTORES E AUTORAS QUE FIRMARÁN EXEMPLARES NA RÚA DA BD EN 2024
Abel Álvarez, Adrián Suárez Mouriño, Afra Torrado, Alba López Paredes, Alberto Carceller, Alex Martos, Alexandre Senande, Alicia Jaraba, Alicia Martín Santos, Álvaro Ortiz, Ana Moreiras, Anabel Colazo, Andrés Garrido, Artur Laperla, Bea Gregores, Bea Lema, Bernal Prieto, Bruno López (erre), César Verdúguez, Clara Patiño Bueno, David Braña, David Rubín, Delio Rodríguez Ces, Diego Ameixeiras, Diego Burdío, Doc Pastor, Elena Andrés, Emma Ríos, Fermin Muguruza, Fran Jaraba, Frankman Román, Genie Espinosa, Iria Aldegunde, Iván Gil, Iván Sarnago, Jordi Bayarri, Jorge Campos, José Ángel Ares, José Malvárez Carleos, Juanfer Briones, Kundo Krunch, Lola Garcerá, Lorena Varea, Lucas Varela, Lucía Cid, Manel Cráneo, Manuel L. Poy, Manuel Veiga, Marc Torices, Marcello Quintanilha, María Brenn, María Jiménez , Mariano Casas, Marina Sáez, Martín Romero, Miguel Fernández, Miguel Robledo, Pablo Prado, Paula Cheshire, Paula Esteban, Pedro F. Medina, Pío Barreiro, Primitivo Marcos, Rafael Jiménez, Susanna Martín, Tomás Guerrero, Víctor L. Pinel, Weronika Hańczyc, Xavier Queipo, Xavier Alcalá, Xulia Pisón, Xulia Vicente, Yeyei Gómez.
Adxuntamos a esta NdP o programa completo, con días e horarios, das actividades e as sinaturas que terán lugar na Rúa da BD durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.
APERTURA DE INSCRICIÓNS PARA AS ACTIVIDADES DE VIÑETAS PRO E VIÑETAS MINI
Viñetas PRO é a sección de Viñetas 2024 orientada ao sector da banda deseñada, tanto a profesionais como estudantes. Así, durante toda a semana do festival desenvolveranse unha serie de actividades nas que o público ‘pro’ poderá participar activamente: visitas, obradoiros, relatorios, revisión de portafolios e encontros sectoriais; sempre con inscrición previa, do seguinte modo:
Visitas guiadas e revisión de portfolios: desde o venres 2 ata o venres 9 de agosto en comunicacion@agpi.es.
Actividades gratuítas con inscrición previa ata completar a capacidade de cada iniciativa, por orde de recepción das solicitudes. Só para profesionais ou estudantes de arte.
É posible consultar o programa completo de Viñetas Pro, coas actividades, datas e horarios, a través da páxina web do festival: https://vinetasdesdeoatlantico.com/.
Viñetas Mini, a sección infantil de divulgación e entretemento de Viñetas 2024 reunirá no seu programa contacómics de ‘Pablísimo’, obradoiros de BD impartidos por Jorge Campos, Tonecho Otero e Irene Sanjuan e un concerto infantil a cargo de Chuches Amil.
Ademais, o cinema familiar colarase en Viñetas Show para proxectar dous filmes de animación: Rebelión en la granja e Persépolis. En paralelo, os pequenos fans da BD contarán nos Xardíns de Méndez Núñez cunha zona de xogo de entrada libre de ‘Piratix ’e outra de ‘Superthings’, na que se repartirán miles de cómics que poderán asinar os seus heroes favoritos.
As inscricións dos contacómics e obradoiros, que se desenvolverán nas Bibliotecas Municipais da Coruña, abriranse 7 días antes da realización de cada actividade, a través de:
VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, 27 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA
Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.
Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrará a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.
Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presenta unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental son as claves de Viñetas Expo, que dedicará exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.
Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.
Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego —Gaspariño de Xaquín Marín— súmase á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recupera, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves. Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar, tamén, que Fermin Muguruza presentará no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.
O festival celebrou a súa cuarta edición de verán con máis de cen espectáculos repartidos por 25 concellos galegos e 5 freguesías portuguesas
O público encheu os espazos e duplicou o número habitual en moitas sedes
Os roteiros narrados esgotaron en poucos minutos as súas prazas e percorreron unha ducia de localidades
A madurez do público permitiu a elaboración dun programa máis complexo e diverso que en anteriores edicións
Ás artistas femininas derrubaron a barreira de xénero e completaron os seus aforos cada noite, amosando madurez e propostas singulares
A organización planea xa a edición do 2025 co desafío de manter a diversidade do público fiel e atraer novos espectadores
Logo de nove días de actividade, Atlántica vén de pechar a súa duodécima edición cun balance moi positivo. As cifras o confírmano como o encontro exclusivo de narración oral máis importante destas características na península ibérica: un total de 10.022 espectadores nas 102 funcións de 55 espectáculos diferentes que 51 artistas levaron a 25 concellos de toda Galicia e 5 freguesías da Serra do Xurés.
Desde a organización do Festival salientan a consolidación da colaboración con Portugal grazas á coordinación coa Asociación polo Rural Vivo en sete sedes. O espazo compartido cultural e histórico da Raia foi o escollido para esta nova e frutífera andaina. Tamén destacan o papel de Santiago de Compostela, sede principal, como a “capital cultural” máis rural, con actividades por parroquias e barrios da cidade. Outro aspecto favorable foron as boas condiciones meteorolóxicas que permitiron ao público, preto de 10.000 persoas, participar con ledicia de todas as actividades, acadando cifras importantes nun evento de espectáculos de moi pequeno formato.
Foi, ademais, unha edición marcada polo aumento da participación e pola madurez do seu público. Atlántica ten un público diverso en idade, xénero e intereses que acolleu con entusiasmo propostas dispares, dende o escura e desgarrada versión da literatura de Rulfo de Jaime Santos de La Chana Teatro, aos contos tradicionais portugueses acompañados da magnífica voz de soprano de Estefânia Surreira, pasando pola lírica poética de Su Garrido Pombo, a potencia dos contos de Paula Carballeira, a sensualidade dos relatos do xaponés Yoshi Hioki e a mestría de Cadaval, Pazó, Celso F. Sanmartín e Don Guti. E como alicerce, as voces consolidadas do país: Vero Rilo, Cris de Caldas, Atenea García, María da Pontragha ou Dani Blanco, entre outras.
Cómpre tamén salientar que o público rompeu a barreira de xénero en canto a propostas de artistas femininas para adultos. Elas cantaron, bailaron, contaron e a platea, logo de anos de programar de xeito igualitario, respondeu enchendo os espazos.
A coordinación cos diferentes campamentos de verán encheu ás programacións para público infantil e familiar que contou con obras como a sorprendente Blancanieves, premio Max 2023 ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar, ás historias ecoloxistas de Inma Soto e Anxo Moure, o novo espectáculo de Pablísimo e as incorporacións de Inacio Vilariño e Alba Bermúdez á nómina de artistas habituais de Atlántica miúdo encabezada por Raquel Queizás. Todo isto supuxo unha aposta forte polo público miúdo que permitiu á rapazada gozar en espazos verdes de propostas de calidade.
Alén diso, o festival aproveitou para consolidar a idea dos espazos patrimoniais como escenarios axeitados para a narración oral. Atlántica estivo dende a Serra do Xurés ata a Mariña Lucense, dende ás rías aos montes, poñendo en valor espazos de gran valor patrimonial, tanto cultural como natural, e defendendo a súa filosofía de descentralizar a cultura, levando espectáculos de nivel a cidades, vilas e aldeas sen distinción. A Torre dos Andrade en Vilalba, o claustro de San Domingo en Betanzos, o Pazo do Couto na Pobra, o Malecón de Caldas, o Pozo do Conxeiro en Dodro e a Escola de Nenas de Teo sumáronse aos xa clásicos espazos do Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos, o Lavadoiro de Penisqueira de Ribeira, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, a Colexiata de Sar, o CSC Maruxa Coralia, o Museo do Pobo Galego, etc.
Este ano as igrexas románicas foron a gran incorporación aos roteiros narrados e, grazas á colaboración das dioceses de Lugo e Compostela, o público celebrou os 800 anos de Vilar de Donas e descifrou a narrativa da Igrexa de Figueiras. Tamén houbo andainas para coñecer as historias das mulleres de Ferrol, a evolución do casco urbano de Ourense, ás características do Couto Mixto e os castros e petróglifos composteláns.
A boa acollida do público e a rede de colaboración tecida dende hai anos con asociacións, colectivos, fundacións, bibliotecas, concellos, etc. permitiu que Atlántica estivera por todo o país cunha organización impecable. Precisamente, o Festival ve nesta vía participativa o camiño a seguir no futuro: unha Atlántica fortalecida polo tecido asociativo e as institucións.
A organización de Atlántica xa está a traballar no encontro de 2025, a edición 12+1, coa responsabilidade de amosar unha programación de alto nivel artístico que compaxine o arraigo no territorio coa proxección internacional sen os seu carácter igualitario e integradora.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
O XII Festival Atlántica foi posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba.