Andanzas do Suso de Lameliña. LEMBRANZAS DE VERÁN NA CASA GRANDE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

LEMBRANZAS DE VERÁN NA CASA GRANDE

Aínda ben non saía o sol, poñiámonos de camiño

por solitarias corredoiras, ora collido da túa man,

ora brincando. Agradábame a soidade, un abraiante silencio

só roto polo chirlo dalgún merlo, dalgún xílgaro.

O aire fresco da mañanciña traía aroma a terra húmida

e a herba acabada de cortar.

A media mañá estabamos diante daquel portalón -para min

era como estar ás portas dun palacio- desexando entrar

e correr cara ao hórreo de estilo asturiano- mazarocas

penduradas nos corredores- desexoso de ver que novos tesouros

agochaba entre as súas táboas; agora era o millo seco

e as madeiras vellas quen enchían o ar co seu evocador arrecendo.

Despois percorría os inmensos cuartos, rebulindo

por entre vetustos e retorneados mobles…

O comedor coas paredes cubertas de fotos de descoñecidos

-ás veces case me espantaban-…

O retrete, co seu burato que comunicaba coa corte

das vacas – canta graza me causaba!- …

E a miña diversión favorita, cazar moscas na enorme- ou iso

me parecía a min- cociña, utilizando unha depurada técnica

que consistía en arrastrar a man sobre o mármore

e cando levantaban o voo, zas! atrapalas.

Novos olores: o cheiro tentador da comida cociñándose,

o pan fresco acabado de saír do forno…,e o sabor a froitas

de tempada, doces e suculentas, facíanme sentir feliz.

Así ficabamos uns días naquela, para min engaiolante mansión,

-eu que estaba acostumado a vivir nun piso- o tempo necesario

para axudarlles nas tarefas do campo.

Logo, regresabamos polas mesmas congostras, e de novo a rutina,

e aquel son da serra da carpintería dos meus tíos que

xa case tiña esquecido.

Homenaxe a Ramón Chao no Auditorio Municipal de Vilalba

O domingo 1 de setembro de 2024, ás 19:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Asociación Amigos de Prisciliano, terá lugar un acto de HOMENAXE A RAMÓN CHAO coa proxección do documental O CAMIÑO DE RAMÓN CHAO. TRALAS PEGADAS DE PRISCILIANO, do director de Celanova ASER ÁLVAREZ. 

No mesmo acto levarase a cabo tamén a presentación do libro co mesmo título, e no que intervirán: IRIA CASTRO, MONCHO PAZ E ASIER ÁLVAREZ.

NOTA-INFORMATIVA-homenaxe-a-RAMON-CHAO

O artista Lucas Damiani inicia hoxe a súa ‘Residencia Paraíso’ no Vello Cárcere de Lugo

Desde este luns 26 de agosto e até o venres 6 de setembro, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador uruguaio traballará na súa proposta Hydra

Hydra é un proxecto que aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións

Unha vez finalizada a súa residencia, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar no Vello Cércere,  o venres, 6 de setembro, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

O artista Lucas Damiani inicia a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 26 de agosto, en Lugo. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. O Vello Cárcere de Lugo acolle, desde hoxe e até o venres 6 de setembro, a residencia do artista en torno á proposta do creador uruguaio Lucas Damiani que ten por título Hydra, un proxecto que aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o venres, 6 de setembro, ás 20.00h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

SOBRE O PROXECTO

Hydra é un proceso de investigación en relación á auga e o seu cambio de estado como punto de partida para xerar preguntas sobre a transformación, os límites, e a intimidade. O espazo desprégase a partir dunha escultura inicial e o seu inevitable desmoronamento, emerxendo en escena entidades e criaturas, que coma ficcións posthumanistas, se (con)funden nunha paisaxe líquida, viva e en constante mutación, propoñendo seres mitolóxicos contemporáneos en continua metamorfose.

O proxecto Hydra aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.

SOBRE O ARTISTA

Lucas Damiani é un artista uruguaio afincado en Lisboa e Berlín, que traballa nas interseccións entre as artes escénicas e visuais, con formación en fotografía, psicoloxía, danza contemporánea e performance.

No ámbito da danza, estudou e formouse con diversos artistas, entre eles Mónica Valenciano (ES), Lucas Condró (AR), Maya M. Carroll (IL), João Fiadeiro (PT), Faye Driscoll (USA) e Diana Niepce (PT), entre outros. Completou o curso intensivo SNDO (Ámsterdam, 2018) e o programa anual de formación TanzIntensive de Tanzfabrik Berlin (2019-2020).

Damiani traballou con varios artistas, entre eles Guillermo Weickert – Tocar Con-Mover (SURGE Madrid 2019), Lee Mingwei – Our Labyrinth (Martin-Gropius-Bau, Berlín 2020), João Fiadeiro – R|EXISTÊNCIA (Teatro do Bairro Alto, Lisboa 2021), Marcelo Evelin – Barricada & Batucada (Transborda, Almada 2022 e 2023), e Sofia Dias & Vítor Roriz (novo proxecto, en creación), entre outros. Tamén colaborou con Noumissa Sidibé (FR) na creación de instalacións performativas, como While There Is Still Room (Berlín, 2020). Lucas formou parte do programa PACAP na quinta e sexta edición (Forum Dança, Lisboa).

O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.colectivorpm.gal/

2024.08.26.-NP-Residencia-Paraiso-Lucas-Damiani-Lugo

XII Exposición TAL COMO ERAMOS – FOTOS PARA O RECORDO, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos “Pena do Encanto” (Iescha), inaugura o xoves, día 29 de agosto de 2024, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, a mostra fotográfica baixo a denominación xenérica Tal como eramos. Fotos para o recordoque chega á súa XII edición.

NOTA-INFORMATIVA-TCE24

Avelino González, elixido Xograr de Outono do FIOT este 2024

O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase en outubro durante a celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo 

O xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”

O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios   

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2024 o premio Xograr de Outono a Avelino González. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”. Como o propio artista indica “son actor, contador, monologuista, tradutor; son… o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.

O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto  no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”. 

Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023. 

SOBRE AVELINO GONZÁLEZ

“A primeiros dos anos 80 do século pasado suspendín a proba de selectividade e as alternativas que había eran mergullarme na movida viguesa ou facer teatro cuns veciños. E ata agora. 

Comecei cargando escenografías e fixen teatro, dobraxe, cine, televisión, contos, captura de movementos, animación de rúa…, de todo. E todo bonito de facer.

Traducín os Picapedra ao galego naquelas primeiras dobraxes con Cándido Pazó; fun o primeiro en España en andar en moto en zancos (non sei se tamén en bici); actuei nas series de televisión As Leis de Celavella e Padre Casares; Contei contos en Polonia e en Cuba; fun dirixido por Cándido Pazó, Roberto Vidal Bolaño, Sante Cortegoso…; traballei con TalíaTteatro e Coperactiva; Fun un dos que fundamos OllomolTranvía e actuei en Commedia, un xoguete para Goldoni; Traducín teatro irlandés! 

Ata agora.

Agora conto contos; actúo con Toni Salgado no Apaga o candil de Contraproducións, que escribiu e dirixiu Cándido Pazó; fago castings…

E de agora en diante: a seguir facendo teatro, castings e series, contando contos, mirando teatro… seguir neste oficio do que me gusta todo. Mesmo picar entradas”. 

Más información: www.avelinogonzalez.gal

2024.08.20.NP-Xograr-de-Outono-FIOT-2024