Exposición BO CAMIÑO 2020 na Capela da Madanela, Arzúa, do 4 ao 31 de agosto

O martes 4 de agosto terá lugar a apertura da Exposición BO CAMIÑO 2020 na Capela da Madanela en Arzúa.

Un ano máis, e xa van catro, despois do éxito das edicións anteriores, unha vintena de artistas profesionais galegos expoñen obras nas que o Camiño de Santiago é o protagonista: Óscar Aldonza, Isabel Alonso, Abel Barandela, Carlos Barcón, Violeta Bernardo, Tino Canicoba, Corín Cervera, Luis de las Cuevas, Margot Liñera, Lomarti, Marcos López, Miguel Anxo Macía, Adolfina Mesa, Novais, Otero Yglesias, Marta Pardo de Vera, Baldo Ramos, Manolo Rivera, Peña Romay, Xesús Méndez, Rebeca Novo, Antón Sobral, Mila Vázquez, Veiras Manteiga e Xoán Vila.

Dita exposición estará baixo a coordinación e comisariado de Cristina Carballedo Penelas, coordinadora de exposicions e de proxectos culturais.

Castiñeiro Milenario.- Suspensión do FESTIVAL 27373

Comunicado da Asociación Cultural Castiñeiro Milenario:

Moi boas, seguidoras e seguidores de Castiñeiro Milenario

Os inocentes deste ano pasado viñeron co anuncio de que o Festival 27373 deste 2020 ía vir cargadiño de sorpresas… ¡que lonxe queda aquela brincadeira!

Podedes imaxinar que levamos semanas valorando todas as posibilidades, pero a día de hoxe non podemos garantir a seguridade das persoas e vendo que as recomendacións sanitarias van cambiando día a día, a decisión más lóxica, sensata (e dolorosa) é suspender a edición deste ano 2020.

Agardemos que veñan mellores tempos e que o ano 2021 poidamos gozar dunha nova edición do Festival 27373, así como de novas edicións doutros festivais irmáns que tamén tiveron que suspender. Agardemos que máis cedo que tarde poidamos retomar as nosas actividades culturais tal e como viñamos facendo ao longo destes anos. Agardemos que este pesadelo pase, teñamos un pouco de cabeciña.

Recibide un agarimoso saúdo da directiva de Castiñeiro Milenario. Unha aperta para a familia cultural e asociativa, azos para aquel@s que perderan un ser querido durante a pandemia.

¡¡Volveremos!!

AC Castiñeiro Milenario

http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Exposición A CREBA do 3 de agosto ao 15 de setembro na Casa da Cultura de Outes

O 3 de agosto abrirase ao publico, na Casa de Cultura de Outes, a exposición anual a beneficio de A CREBA, Asociación para a saude mental.

Como cada ano, máis de 20 artistas profesionais presentan obras orixinais en distintas disciplinas, para colaborar coa asociación A CREBA: Óscar Aldonza, Maica Alonso, Carlos Barcón, Tino Canicoba, Corín Cervera, Luis de las Cuevas, Rosa Guisán, Pedro Gª Losada, Lomarti, Miguel Anxo Macía, Adolfina Mesa, Novais, Adrián Pandolfo, Baldo Ramos, Manolo Rivera, Peña Romay, Antón Sobral, Enrique Tenreiro, Veiras Manteiga, Xesús Méndez, Laureano Vidal, Xoán Vila.

O 40 por cen das ventas ira destinada a esta asociación.

Dita exposición será coordinada e comisariada por Cristina Carballedo Penelas, Coordinadora de exposicións e proxectos culturais.

IEU.- Excursión botánica á carballeira de Lebesende o domingo 2 de agosto

Despois destes meses de parón debido á pandemia, o domingo 2 de agosto , o IEU retomará as excursións botánicas do proxecto Flora da Ulloa.
Dentro da temática de flora rara e ameazada, e coorganizado con Quercus Sonora, a visita levará ata a Carballeira de Lebesende, en perigo por un proxecto de enerxía eólica que pretende cruzar dita carballeira cun vial de acceso para un único muíño, para o cal existen alternativas a priori menos agresivas. 

En Anexo van alegacións feitas polo Instituto de Estudos Ulloáns ao respecto, baseadas no traballo realizado por Quercus Sonora.

O obxectivo será coñecer máis detalles da flora desta carballeira e arredores, tanto para seguir recopilando información da flora ulloana como para ter máis coñecemento no que basear as alegacións que se poidan facer ao respecto do proxecto eólico nun futuro.

As prazas será limitadas en torno a 10 persoas e será preciso levar mascara de protección para evitar potencial propagación do coronavirus. A volta está prevista para o medio día, en torno ás 14h.

Se non hai novidades coa pandemia e coa meteoroloxía, seguirán outras excursións cada dúas semanas até, cando menos, mediados do mes de outubro.

IESCHA.- Adiada a proxección da película MARÍA SOLINHA en Vilalba

Tendo en conta a decisión que vén de tomar o Concello de Vilalba relativa á suspensión das actividades culturais que tiña  programadas para a vindeira fin de semana (cine na rúa, xogos populares…), o Instituto de Estudos Chairegos, en coherencia coa referida decisión, SUSPENDE a proxección da película MARÍA SOLINHA que tiña programada para o vindeiro martes, 28 de xullo, ás 22:30, na Praza da Constitución.

A nova data fixada para proxectar o film e na que tamén poderemos contar coa presenza do seu director, Ignacio Vilar, será o 8 de setembro de 2020.

En todo caso, manteranse informadas as persoas interesadas de calquera outra novidade.