A VIDA…

A VIDA…

Se a vida te leva…

eu vou contigo,

para facer do teu camiño… un sendeiro

no que medre a herba.

Seguirei os teus pasos

e descansarei na túa sombra.

Quero ser folla seca que leva o vento

e baila a danza do outono,

alfombrando o chán que pisas.

Quero ficar ó teu carón

e beber a grolos… as túas bágoas.

Se a vida se esgota… vivirei nos teus soños,

na aperta doída da soidade

e no baleiro da noite, cando non brille a lúa.

Estarei en ti

e acenderei o teito celeste para que non teñas medo.

Milleiros de estrelas alumearan a escuridade

somentes para ti…

Se os días rematan, e o inverno

cingue o seu manto no meu corpo outonizo,

deixarei que voe

coma unha pomba no ceo cincento… da tarde,

e bicarei os teus beizos

co agarimo do vento que sen querer… límpache

unha bágoa.

Se a vida se vai… fico contigo.

Xoán Neira presenta, na Casa-Museo Manuel María, o seu libro GAIOLA ABERTA

Xoán Neira presenta, na Casa-Museo Manuel María, o seu libro GAIOLA ABERTA

Xoán Neira presenta, este sábado, ás 19.30 h, na Casa-Museo Manuel María, o seu poemario Gaiola Aberta. Escolma de poesía infantil (1997-2017)

Esta obra, dirixida para as crianzas, recolle unha selección de poemas escritos por Xoán Neira durante os últimos vinte anos, e con ela, o autor, quere facer unha sentida homenaxe a Manuel María no cincuentenario da publicación da primeira edición do seu celebérrimo Os soños na gaiola.

Na presentación deste sábado, ademais do autor, intervirán Belén López (directora de edicións Baía) e Armando Requeixo (autor da edición e do limiar).

 

*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María

PURA VIDA, de María Pereira

PURA VIDA, de María Pereira

PURA VIDA é María Pereira a poeta betanceira con orixes en Becerreá. Esta documentalista é forza e sensibilidade a un tempo, alegría e compromiso. Escribe o que é e o que sinte disparando ao corazón de quén lee.

María, que é voceira dos mariñeiros galegos que reivindican os seus dereitos en Noruega (de aí o alcume cariñoso de OSLITA), agasállanos con este poemario que resume no titulo o que transmite: PURA VIDA. Na loita, na solidariedade, no amor polos seus, no compromiso social, nas ideas e aficións e na amizade máis aló da morte (o libro vai adicado a unha amiga que morreu prematuramente).

Compoñente dos grupos poéticos PM Voces Poéticas do Mandeo e da NPG Nova Poesía Guitirica, forma parte tamén da Asociación Gastronómica Cultural Lar de Unta de Betanzos na que é grande activista da área de cultura e cos que temos colaborado e onde tamén realizaremos o 3 de novembro a presentación , no programa de novidades #DoTtinque, deste poemario dixital do #EstraperloCulturalia con un acto poético de homenaxe a Sila, á que vai adicado conxuntamente coa súa filla Ángela.

Así pois, disfrutádeo e descubride a María Pereira, e aqueles/as que xa a coñecedes, afondade máis a través desta PURA VIDA. Paga a pena.

Para descargar o libro en PDF de maneira gratuíta, ide ao ENLACE.

4ª Función dos III Sábados de Teatro

4ª Función dos III Sábados de Teatro

Adxuntamos cartaz e nota informando da 4ª Función dos III Sábados de Teatro, organizados polo Iescha. Esta ocasión, e como remate da programación teatral, o grupo ACHÁDEGO TEATRO pon en escea a obra BALAS SOBRE BROADWAY. Será o sábado, 27 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba.

Colabora o Concello de Vilalba.

 

 

*Información achegada polo IESCHA.